O Concello e o BNG Cruces reclaman á Xunta recuperar o profesorado presencial de Latín e Grego
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces, a ANPA do IES Marco do Camballón, as familias afectadas e o centro educativo esixen á Consellería de Educación que dea resposta ao escrito presentado conxuntamente e garanta a docencia presencial destas materias. O BNG tamén levará a protesta ao Parlamento galego, denunciando que a decisión de amortizar a praza obriga o alumnado a cursar as materias online e a desprazarse a Santiago para realizar os exames.

"Desde o Concello queremos manifestar a nosa sorpresa ante a resposta da Consellería de Educación, que, unha vez máis, se produce a través dos medios de comunicación, mentres continúa sen dar resposta ao escrito presentado conxuntamente polo Concello, a ANPA, as familias afectadas e o propio IES Marco do Camballón. Queremos deixar claro que entendemos perfectamente que a Xunta teña que aplicar criterios de ratio e que, cando non existe alumnado suficiente, se busquen solucións alternativas. Ninguén está cuestionando ese criterio xeral. O que estamos cuestionando é a actuación da Consellería neste caso concreto", lamenta o goberno local.
Lembra que en xuño e agosto, desde a propia Consellería trasladouse á dirección do IES Marco do Camballón que había profesorado para impartir presencialmente Latín e Grego. O centro tiña, ademais, autorización excepcional para manter estas materias. Finalmente, a praza foi amortizada e, xa iniciado o curso, comunicouse que non
habería docente presencial. "Por tanto, o problema non é que exista unha ratio determinada. O problema é que se autorizou a oferta, se trasladou ao centro que habería profesorado e, posteriormente, se amortizou esa praza cando as familias xa tomaran a súa decisión de matrícula. Hai unha cuestión que consideramos fundamental: dúas familias matricularon as súas fillas no IES Marco do Camballón para cursar un Bacharelato presencial, incluíndo Latín e Grego. Esa foi a oferta pola que optaron".
Ademais, apunta o Concello, que as familias non escolleron un Bacharelato presencial para que, unha vez iniciado o curso, se lles convertesen dúas materias en online. Se a súa opción fose cursar o bacharelato a distancia, poderían ter elixido desde o primeiro momento un centro que ofrecese o esa modalidade completa. "O que non é razoable é matricularse nun bacharelato presencial e, unha vez iniciado o curso, obrigar o alumnado a cursar a distancia dúas das súas materias porque se decidiu amortizar o profesorado
necesario para impartilas presencialmente. Non se trata simplemente de cambiar unha aula por unha pantalla: as alumnas están atopando dificultades para seguir as materias e, ademais, terán que desprazarse a Santiago para realizar os exames, co conseguinte tempo de viaxe e a perda de horas lectivas das restantes materias. Quen garante esas horas de clase que perden? Como se recuperan? E como se garante que esta situación non prexudique a súa formación no resto das materias?".
PUBLICIDADE
Asimesmo, sinala que a modalidade a distancia pode ser unha ferramenta perfectamente válida para persoas adultas, estudantes que traballan ou alumnado que a escolle
voluntariamente. "Pero non pode converterse nunha solución imposta a menores que están cursando un bacharelato presencial e que elixiron expresamente esa modalidade. Non se pode ofertar unha modalidade e cambiala despois da matrícula. As familias necesitan poder confiar na oferta educativa que fai a Administración. Se un centro oferta un Bacharelato presencial, unha familia que escolle esa opción ten que ter a garantía de que poderá cursalo presencialmente. Non é serio que o alumnado se matricule nunha modalidade concreta e que, co curso xa iniciado, se lle comunique que determinadas materias terán que cursarse online porque a Administración decidiu amortizar o profesorado".
E isto, lamenta o goberno municipal, "pode ter consecuencias tamén para o futuro. Que confianza pode ter unha familia para matricular o seu fillo ou filla no Bacharelato de Humanidades do IES Marco do Camballón se existe o temor de que, despois de realizar a matrícula, a Xunta poida retirar o profesorado e obrigar o alumnado a cursar parte das materias a distancia? Se queremos que esta modalidade continúe existindo, temos que garantir que sexa unha oferta real, estable e fiable".
Ademais, manifesta que o futuro do Bacharelato de Humanidades tamén está en xogo. "Non estamos falando só de dúas alumnas nin dun curso concreto. Estamos falando de garantir que as familias de Vila de Cruces e todo o alumnado que queira vir estudar ao IES
Marco do Camballón sigan tendo no futuro a opción de escoller un Bacharelato de
Humanidades presencial. Non podemos aceptar que se vaia debilitando unha oferta educativa, que se reduzan os recursos e que, posteriormente, se utilice unha posible falta de matrícula como argumento para xustificar que esa oferta xa non é viable. Non queremos que se desmantele unha modalidade educativa para despois dicir que desapareceu porque non había alumnado suficiente. Se queremos que haxa alumnado no futuro, primeiro temos que garantir que exista unha oferta presencial de calidade, con profesorado e con estabilidade. Especialmente no rural, a educación pública debe garantir que o alumnado poida escoller o seu itinerario educativo sen verse obrigado a
desprazarse a outros centros ou renunciar á modalidade que quere cursar".
Educación de calidade é tamén ter profesorado.
Desde o Concello tamén sinalan que están "fartos de ver publicacións e comunicacións institucionais nas que se fala dunha educación pública de calidade e dun inicio de
curso con normalidade mentres, na realidade, seguimos atopando centros e comunidades educativas que teñen que reclamar profesorado e solucións para poder garantir esa educación. Unha educación de calidade non se pode medir só polas cifras ou polos anuncios. A educación de calidade constrúese nas aulas, con docentes suficientes e garantindo que o alumnado reciba presencialmente as ensinanzas que se lle ofertaron. Non abonda con dicir que existen solucións online. Tampouco abonda con dicir que
esta fórmula se aplica noutros centros de Galicia. O que a Consellería ten que explicar é por que, neste caso concreto, se retirou o profesorado despois de que a oferta fose autorizada e as familias se matriculasen nela. E, sobre todo, debe responder aos escritos oficiais que lle foron trasladados".
O que reclaman é que responda ao escrito presentado conxuntamente polo Concello, a ANPA, as familias afectadas e o centro. Que se garanta ás alumnas afectadas a posibilidade de cursar presencialmente Latín e Grego no IES Marco do Camballón. Que se teñan en conta as horas lectivas que estas alumnas perden como consecuencia dos desprazamentos a Santiago. E, sobre todo, que se garanta a continuidade do Bacharelato de Humanidades presencial no IES Marco do Camballón. "Non estamos pedindo un trato de favor nin cuestionando os criterios xerais da Administración. Estamos pedindo coherencia entre a oferta que se fai, a matrícula que as familias realizan e os recursos que posteriormente se poñen á disposición do alumnado. Se se oferta unha modalidade presencial, as familias deben poder confiar en que esa oferta é real, estable e conta co profesorado necesario para impartila. Porque o que está en xogo non é só a situación de dúas alumnas neste curso. Está en xogo que as familias de Vila de Cruces, e todo o alumnado que queira vir estudar ao noso centro, sigan tendo a liberdade de escoller o Bacharelato de Humanidades de maneira presencial, con todas as garantías e sen medo a que a oferta se desmantele unha vez realizada a matrícula".
O Bloque esixe unha rectificación inmediata ante unha política de recortes
Por outra banda, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de activar unha contundente resposta institucional no Parlamento de Galicia para denunciar as graves eivas coas que botou a andar o curso escolar no concello de Vila de Cruces. A formación nacionalista a través da súa deputada Ariadna Fernández diríxese directamente ao Goberno galego para esixir unha rectificación inmediata ante unha política de recortes que, segundo denuncian, "condena ao alumnado do rural a ser estudante de segunda categoría".
A polémica agravouse despois de que a Xunta de Galicia reiterase onte nos medios de
comunicación que non ten previsto dotar de profesor presencial de Latín e Grego ao IES Marco do Camballón, escusándose no baixo número de matriculados nestas materias. Álex Fiuza, portavoz do BNG de Vila de Cruces, cualifica esta xustificación de "insulto á comunidade educativa" e lembra que a praza fora integramente aprobada en xullo e recollida nas listas de substitución de setembro, antes de ser "suprimida sen previo aviso de xeito unilateral pola Consellería".
Como única alternativa á falta de docente presencial transcorridos xa máis de 15 días do
comezo das clases, a Consellería de Educación impuxo unha modalidade de docencia en liña (online) que obriga ao estudantado do Bacharelato de Humanidades a desprazarse ata Santiago de Compostela para realizar os seus exames. Fiúza denuncia que esta "solución de despacho" ignora deliberadamente a realidade de Vila de Cruces, un concello rural duramente afectado pola fenda dixital —con zonas que carecen de conexión óptima á rede— e cun servizo de transporte público totalmente deficitario e sen horarios adaptados. "Pretender que familias do rural asuman os custos económicos de transporte e a precariedade das conexións a internet por unha total falta de planificación da Xunta é unha actitude discriminatoria que vulnera o dereito á igualdade de oportunidades", sinala.
PUBLICIDADE
O BNG advirte ademais de que este desmantelamento encuberto do Bacharelato de Humanidades supón un ataque directo ao futuro académico do alumnado, poñendo en risco a súa continuidade e forzando o desprazamento forzoso cara a centros urbanos.
A través das iniciativas rexistradas o BNG esixe á Xunta a restitución inmediata e de
urxencia da praza presencial de Latín e Grego no IES Marco do Camballón, o rexeitamento
absoluto da modalidade online e o fin de calquera proceso de exames en Santiago. Do mesmo xeito, Fernández confrontará ao Goberno galego para que sinale publicamente se considera que deixar sen profesorado ás comarcas do interior respecta os principios de equidade e xustiza social que debe garantir a educación pública.









Comentarios