top of page

Fátima Fernández Brandariz será a protagonista do (IN)VISIBLE de Silleda polo Día da Muller Rural

hace 15 horas
3 min de lectura

O Concello recoñecerá o vindeiro venres 16 a traxectoria desta emprendedora de Dornelas, que compaxina o seu Obradoiro de costura coa explotación gandeira familiar


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda dedicará este ano o seu recoñecemento do programa (IN)VISIBLE con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, que se conmemora cada 15 de outubro, a Fátima Fernández Brandariz, veciña de Dornelas, artesá, emprendedora e gandeira.


O acto de nomeamento terá lugar o venres 16 de outubro, ás 20:30 horas, na praza Siñor Afranio, no marco dunha iniciativa coa que o Concello de Silleda pon rostro e nome ao papel das mulleres do municipio a través de tres datas especialmente significativas ao longo do ano: o 8 de marzo, Día Internacional da Muller; o 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais; e o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Nada en xullo de 1983, Fátima Fernández Brandariz criouse no rural e medrou entre dous mundos que acabarían marcando a súa vida profesional: o campo e o taller de costura da súa nai, María Teresa Brandariz Taboada. Foi precisamente nese taller onde, desde moi nova, comezou a familiarizarse coa costura, o bordado e a patronaxe.


A súa formación académica levouna inicialmente por outros camiños. Cursou o Ciclo Superior de Xestión Comercial e Marketing no IES Pintor Colmeiro, diplomouse en Relacións Laborais na Universidade de Santiago de Compostela, licenciouse en Ciencias do Traballo pola Universidade da Rioxa e completou a súa formación cun mestrado en Prevención de Riscos Laborais.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Despois de traballar en distintos ámbitos profesionais, decidiu regresar ás súas raíces. En 2012 incorporouse ao taller de costura da súa nai e, tras a xubilación desta, asumiu o relevo xeracional, situándose á fronte dun proxecto que leva por nome Brandariz, o apelido familiar convertido tamén na identidade do taller.


Na actualidade, Fátima representa unha maneira contemporánea de vivir e emprender no rural. Compaxina o traballo artesanal no taller coa explotación gandeira familiar de Rubia Galega, mantendo activos e traballados os terreos familiares e continuando unha actividade desenvolvida durante varias xeracións.


No seu taller realiza confección a medida e está especializada tamén na elaboración e recuperación de pezas da vestimenta tradicional galega para particulares, agrupacións de baile e música tradicional. Entre os seus traballos figura ademais a recuperación e confección de traxes vinculados ao Entroido, especialmente os dos Xenerais da Ulla, empregando técnicas artesanais como bordados, niño de abella, vainicas ou encaixe de bolillos.


Nos últimos tempos desenvolve tamén liñas propias de roupa e complementos, reinterpretando elementos da vestimenta tradicional para trasladalos ao uso cotián e establecer unha ponte entre patrimonio, deseño e modernidade.


A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que a elección de Fátima

para este 15-O “representa perfectamente o espírito co que naceu (IN)VISIBLE: poñer en primeiro plano mulleres do noso municipio cunha historia, un traballo e unha contribución á sociedade que merecen ser coñecidos e recoñecidos”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

“Fátima é un magnífico exemplo da muller rural do século XXI: formada, emprendedora, creativa e profundamente vinculada á súa terra. É capaz de manter vivo un oficio artesanal e unha parte fundamental do noso patrimonio téxtil ao mesmo tempo que continúa coa actividade gandeira familiar”, sinala a rexedora.


Paula Fernández engade que a súa traxectoria “amosa tamén que vivir no rural non significa renunciar a emprender, innovar ou desenvolver un proxecto profesional ambicioso. Ao contrario, persoas como Fátima demostran todo o potencial que existe nas nosas aldeas”.


Desde Dornelas, Fátima Fernández Brandariz mantén así unha estreita unión entre tradición e modernidade, artesanía e actividade agraria, apostando por desenvolver os seus proxectos profesionais no lugar no que naceu e medrou.


O acto do vindeiro venres estará aberto á participación da veciñanza e servirá para facer público o recoñecemento a Fátima Fernández Brandariz como (IN)VISIBLE 15-O de 2026.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page