O BNG de Lalín acusa ao Sergas de “mentir descaradamente” sobre o servizo de psiquiatría
Mari Fernández advirte de que o servizo no CIS é deficitario e “está poñendo en risco a saúde mental e a vida da veciñanza”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín considera “inaudito” que a resposta do Sergas diante das críticas dos nacionalistas polas queixas de veciñanza a respecto da saúde mental no CIS sexa “mentir descaradamente”. A voceira do BNG de Lalín, Mari Fernández Sanmartín reitera a situación deficitaria deste servizo no Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín e advirte ao Sergas de que “os seus números non se corresponden coa realidade, na que se dan casos de persoas que levan dous anos con depresión e ansiedade e non teñen citas de psiquiatría”.

“No colmo das mentiras a Consellería de Sanidade chega a afirmar que todos os días hai presenza de psicólogo ou psiquiatra” no CIS, critica Fernández Sanmartín “cando a veciñanza sabemos que non é certo e que polo menos un día á semana o servizo de
psiquiatría só conta cunha enfermeira”. Reitera o BNG de Lalín que no CIS hai unha
praza de psiquiatría que atende aos pacientes catro días á semana, deles o titular atende
un só día e as tres quendas restantes cóbrense con psiquiatras que cada un deses días
“fichan en Santiago ás oito da mañá, collen un taxi e atenden en Lalín até as dúas da
tarde”.
PUBLICIDADE
Fernández Sanmartín convida ao Sergas e á Consellería de Sanidade a “recoñecer a precariedade do servizo e deixar de poñer a vendas nos ollos en comunicados de
prensa”. O BNG de Lalín ten presentado xa varias iniciativas no pleno denunciando esta
situación “porque as queixas das veciñas e veciños son un clamor”. Sinala Fernández
Sanmartín que “falamos de xente medicada que precisa un control psiquiátrico para
pautar a medicación e leva máis dun ano agardando por unha cita en Psiquiatría”, e
tamén de persoas con intentos de suicidio “que non ten servizo psiquiátrico no CIS, está
sendo atendida polo médico de cabeceira e ten que pagar psiquiatra privado”.
O BNG lalinense cualifica como “unha tomadura de pelo” que o mesmo Sergas
recoñeza nun comunicado que “cando se produce algunha ausencia puntual por
circunstancias imprevistas, o servizo tenta en primeiro lugar cubrila mediante unha
substitución. E se isto non resulta posible, as citas afectadas reprográmanse para a data
máis próxima dispoñible”. Sinala Fernández Sanmartín que na súa propia resposta “o
Sergas retrátase, e recoñece que o servizo é deficitario e a resposta da Xunta pasa por
tentar poñer parches”.
O BNG de Lalín lembra ao Sergas que o concello está dentro dunha das áreas sanitarias máis poboadas, con máis de 440.000 pacientes, e o seu “mal dimensionamento” provoca
que moitos pacientes que precisan saúde mental teñan que desprazarse a Santiago, no
mellor dos casos, ou ben procurar cos seus recursos económicos atención privada.
Fernández Sanmartín pide de novo ao Sergas que “remate coa precariedade do servizo
de saúde mental no CIS”, e lembra que “son moitas as veciñas e veciños que demandan
un servizo que a Xunta di que presta pero que na práctica non é certo”. O BNG de Lalín
afirma que “fronte ás mentiras do PP seguiremos denunciando a realidade do noso
concello”, nunha cuestión fundamental da que ademais o vindeiro 10 de outubro se
celebra o Día Mundial da Saúde Mental.
PUBLICIDADE
O pasado 10 de setembro celebrouse tamén o Día Mundial de Prevención do Suicidio, co foco posto nunhas cifras “escalofriantes” que falan de que en Galicia houbo no 2025 un suicidio ao día. Diante deste problema real na sociedade galega, o BNG de Lalín considera “inadmisible” que o Sergas saque peito publicamente dun servizo de atención
á saúde mental “que non temos”.
NOTICIA RELACIONADA:
O BNG de Lalín denuncia a “precaria” atención psiquiátrica do CIS: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-lal%C3%ADn-denuncia-a-precaria-atenci%C3%B3n-psiqui%C3%A1trica-do-cis









Comentarios