O Concello de Touro rehabilita os baños turísticos de augas curativas de Brandelos
- Laura Moure

- 28 mar
- 3 Min. de lectura
A actuación, financiada no marco das axudas de Turismo de Galicia con preto de 30.000 euros, centrouse nas melloras para solucionar os problemas de humidades e filtracións
Laura Moure/Touro
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Touro, Jesús Reboredo, visitou este venres as obras de rehabilitación dos baños turísticos de augas curativas de Brandelos, executadas no marco das axudas da Xunta de Galicia para a mellora das infraestruturas turísticas en concellos de menos de 10.000 habitantes do ano 2025. Durante a visita, lembrou que o Goberno galego vén de publicar unha nova convocatoria desta liña de axudas, dotada con 2 millóns de euros en concorrencia non competitiva.

Segundo explicou a delegada da Xunta, “a convocatoria busca impulsar e consolidar a oferta turística no rural a través da recuperación, a mellora da accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos”, contribuíndo a poñer en valor a riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes territorios. “Os proxectos subvenciónanse ata o 100 % do orzamento, cun máximo de 30.000 euros por actuación”, subliñou.
Estas axudas permitirán financiar actuacións moi diversas orientadas á mellora e posta en valor dos recursos turísticos locais. “Entre elas inclúense o embelecemento dos accesos aos recursos turísticos, a recuperación e tratamento paisaxístico das contornas, a iluminación ornamental, a adecuación de aparcadoiros ou a creación de miradoiros paisaxísticos e rutas de sendeirismo”, explicou Belén do Campo.
PUBLICIDADE

En definitiva, segundo destacou a delegada, “con esta liña de apoio, a Xunta busca seguir fortalecendo o turismo no rural galego, contribuíndo á dinamización económica do territorio e á posta en valor dos seus recursos naturais, culturais e patrimoniais”.
Actuación en Touro
A actuación de Touro, financiada no marco das axudas de Turismo de Galicia con preto de 30.000 euros, centrouse na mellora e rehabilitación destinadas a solucionar os problemas de humidades e filtracións que afectaban ao interior da edificación, xa rematadas.
A intervención centrouse principalmente na substitución da cuberta existente, que se atopaba nun avanzado estado de deterioro. A nova cuberta executouse mantendo características e materiais similares aos orixinais, o que permitiu conservar a estética e a tipoloxía construtiva do edificio. Para a súa execución procedeuse previamente á desmontaxe da cuberta de tellas, recuperando o material para a súa posterior reutilización, así como á desmontaxe da estrutura de madeira existente. Posteriormente, construíuse unha nova estrutura formada por vigas e correas de madeira, sobre a que se instalou un entaboado estrutural tamén de madeira, paneis de fibrocemento e a tella recuperada.
No interior do edificio tamén se levaron a cabo diversas actuacións destinadas a mellorar o seu estado xeral e a súa funcionalidade. Entre elas incluíronse traballos de demolición e retirada de elementos deteriorados, como carpinterías interiores de madeira, sanitarios e grifería existentes, alicatados, particións interiores e pavimentos cerámicos coa súa base. Así mesmo, realizáronse escavacións para a execución dunha gabia drenante no perímetro do muro en contacto co terreo, posteriormente rechea con material drenante para favorecer a evacuación da humidade.
As obras incluíron tamén a instalación dun falso teito continuo con lamas de piñeiro silvestre, a colocación de claraboias e a incorporación dun aspirador xiratorio con sombreiro dinámico de aluminio que permite mellorar a ventilación natural do espazo.
Ademais, executáronse novas particións, revestimentos e carpinterías interiores, instalouse un novo solado de pedra natural, incorporouse novo equipamento sanitario e realizouse o peche das instalacións vistas mediante mobiliario específico. A actuación completouse coa instalación de novas luminarias e apliques, así como coa incorporación de equipamento de protección contra incendios.
Publicidade
Con esta intervención conséguese mellorar as condicións de habitabilidade e funcionalidade do edificio, ao tempo que se solucionan os problemas derivados das humidades e filtracións existentes, garantindo unha maior durabilidade e conservación do espazo.
Belén do Campo destacou a boa acollida desta convocatoria para impulsar o turismo rural e lembrou que na convocatoria correspondente ao ano 2025 se financiaron 67 proxectos en toda Galicia, cun investimento total de 2 millóns de euros. Por provincias, resultaron beneficiarios 16 concellos da Coruña por case 500.000 euros e, na comarca de Arzúa, os concellos de Arzúa, Touro e O Pino, con 90.000 euros.







Comentarios