O Concello de Touro condena os actos vandálicos na piscina e presentará denuncia ante a Garda Civil
- ecosdacomarca

- hace 8 horas
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Touro
O Concello de Touro expresou onte a súa máis firme condena polos actos vandálicos rexistrados esta semana nas instalacións da piscina municipal, que provocaron importantes danos materiais e o desperdicio dunha gran cantidade de auga.
Segundo informou o goberno local, varias persoas accederon de maneira ilícita ao recinto e realizaron grafitis en boa parte das instalacións. Ademais, manipularon os sistemas da piscina, provocando o baleirado de numerosos litros de auga.

Desde o Concello cualifican estes feitos como un comportamento “absolutamente irresponsable e incívico”, que non só supón un importante prexuízo económico para as arcas municipais e, por extensión, para toda a veciñanza, senón que tamén resulta especialmente grave polo desperdicio dun recurso esencial como é a auga.
A administración local subliña que este incidente se produce nun contexto no que a conservación da auga require cada vez máis compromiso e responsabilidade por parte de toda a cidadanía. O Concello trasladou o seu “rexeitamento máis contundente” a este tipo de actuacións, que considera un ataque ao patrimonio público e ao esforzo colectivo que se realiza para manter en bo estado os servizos e instalacións municipais.
PUBLICIDADE
Así mesmo, anunciou que presentará a correspondente denuncia ante a Garda Civil co obxectivo de esclarecer os feitos e identificar ás persoas responsables. Paralelamente, reforzará as medidas de seguridade e vixilancia nas instalacións municipais para evitar que situacións semellantes volvan producirse no futuro.
PUBLICIDADE
Por último, o Concello fixo un chamamento á colaboración cidadá e solicitou que calquera persoa que poida achegar información relevante sobre o sucedido a poña en coñecemento das autoridades competentes. “O respecto polos bens públicos é unha responsabilidade compartida. Só desde o compromiso colectivo poderemos preservar e mellorar os espazos que son de todos e todas”, conclúe o comunicado municipal.








Comentarios