O Concello de Silleda tilda de positiva a DIA desfavorable ao vertedoiro de Campomarzo
- ecosdacomarca

- hace 45 minutos
- 4 Min. de lectura
O BNG de Silleda Vila de Cruces urxe á Xunta a selar Campomarzo tras recoñecer o perigo para as augas de consumo
Ecos da Comarca/Silleda
O Concello de Silleda valora moi positivamente a Declaración de Impacto Ambiental desfavorable emitida pola Consellería de Medio Ambiente ao proxecto de vertedoiro de Campomarzo, unha proposta que xerou un amplo rexeitamento social dende hai anos e fronte á que a administración local presentara alegacións advertindo das posibles afeccións ambientais. Pola súa banda, o BNG de Silleda Vila de Cruces urxe á Xunta a selar Campomarzo tras recoñecer o perigo para as augas de consumo.
A resolución coñecida antonte supón a constatación de que as preocupacións expresadas pola veciñanza afectada como polo propio Concello de Silleda estaban plenamente fundamentadas. Segundo o informe ambiental, e tal e como sinala o Concello silledense, non poden descartarse impactos adversos significativos sobre o medio ambiente, especialmente no relativo ao dominio público hidráulico e aos recursos hídricos.

Cómpre lembrar que xa nas alegacións presentadas en abril de 2023 o Concello advertía entre outras cuestións, da localización do proxecto nunha zona inundable e de alta permeabilidade, da súa proximidade a captacións de auga potable e á Rede Natura 2000, así como da falta de avaliación suficiente sobre a afección ao cauce do Toxa, aos hábitats e á flora e fauna da contorna.
Na mesma liña, o Concello xa trasladara á veciñanza o seu apoio e a vontade de defender os intereses do territorio, incidindo tamén na necesidade de extremar as garantías ambientais, controlar posibles lixiviados, olores e impactos acústicos, e evitar novos prexuízos nunha zona que xa viña arrastrando problemas dende hai anos.
PUBLICIDADE

Para o goberno municipal, a resolución da Xunta supón un respaldo claro á postura mantida dende o primeiro momento polo Concello: que un proxecto destas características non podía saír adiante sen garantías ambientais plenas e nun espazo tan sensible pola súa proximidade á contorna do Toxa e ao Sistema Fluvial Ulla-Deza. Dende o Concello de Silleda quérese tamén recoñecer o traballo da veciñanza afectada, da plataforma creada en defensa do territorio e das organizacións que durante estes anos mantiveron viva a reivindicación, contribuíndo a visibilizar unha preocupación compartida por boa parte da sociedade silledense.
En todo caso, dende o Concello de Silleda sinálase que haberá que agardar aos seguintes pasos do procedemento para coñecer o alcance definitivo desta resolución e a evolución do expediente. Ao mesmo tempo, considérase fundamental que se aborde dunha vez por todas a situación do vertedoiro existente, avanzando no seu necesario selado e clausura definitiva, coas máximas garantías ambientais e de seguridade, para poñer fin a un problema que vén xerando preocupación na contorna dende hai anos.
Pola súa banda, BNG de Silleda e Vila de Cruces valora que a declaración ambiental desfavorable da Xunta de Galicia ao proxecto de reapertura e ampliación do vertedoiro de Campomarzo, promovido por Bander Residuos en Silleda, vén dar a razón ás mobilizacións veciñais e ás denuncias que durante anos advertiron dos riscos deste macrovertedoiro. "A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, sustentada en informes negativos de Augas de Galicia, recoñece explicitamente o perigo de filtracións e lixiviados procedentes dos residuos depositados nun antigo oco mineiro, cun impacto potencial directo sobre as concas do Toxa e do Deza, que contan con captacións de auga para abastecemento humano".
“A Xunta non pode mirar para outro lado cando ela mesma admite o risco ambiental”
A voceira municipal do BNG en Silleda, Erea Rey, sinala que esta resolución “confirma punto por punto o que a veciñanza e outras entidades, como o BNG levamos anos denunciando: que Campomarzo é unha bomba ambiental de reloxería”. “A Xunta recoñece agora que existe risco real para o dominio público hidráulico, a apenas 150 metros do río Toxa. A pregunta é clara: e agora que?”, cuestiona Rey, quen lembra que “non abonda con dicir non á ampliación; hai que actuar de maneira inmediata para evitar unha catástrofe ambiental”.
Segundo engade, “non pode quedar nun simple trámite administrativo mentres continúa o perigo de contaminación das augas que bebe a xente”.
Publicidade
Reclamo de selado inmediato e restauración ambiental integral
Dende o BNG esíxese que a Xunta de Galicia, unha vez que recoñece oficialmente os riscos ambientais existentes, asuma a súa obriga legal de impulsar e executar sen máis demoras o selado definitivo do vertedoiro, coa impermeabilización do vaso, tratamento dos lixiviados e restauración ambiental completa da zona.
Neste sentido, o voceiro do BNG da Vila de Cruces, Álex Fiuza, subliña que “Campomarzo non é só un problema de Silleda, senón de toda a comarca”, xa que “as augas do Deza e do Toxa afectan a múltiples concellos e a miles de persoas, e máis directamente a lugares como Merza”. “A resolución da Xunta deixa claro que houbo unha irresponsabilidade prolongada. Agora non valen máis escusas: hai que clausurar, descontaminar e garantir que nunca máis se repita unha situación así”, afirma Fiuza.
Vixilancia, control e responsabilidades
O BNG reclama tamén que, ademais da execución inmediata do plan de clausura, se implante un sistema continuo de vixilancia da calidade da auga nas zonas de captacións afectadas, así como procedementos sancionadores no caso de incumprimentos por parte da empresa propietaria.
“Estamos a falar de saúde pública e de protección ambiental. A Xunta ten competencias, informes e argumentos máis que suficientes para actuar xa”, conclúen dende o BNG, advertindo de que “non imos permitir que este asunto quede en papel mollado mentres persiste un risco real para o territorio e para a veciñanza”. Engaden que levarán esta cuestión ao Parlamento.







Comentarios