O Concello de Silleda instalará na Avenida do Parque un punto de recarga rápida para vehículos eléctricos
A actuación contará cun investimento de 64.566,48 euros e cunha axuda de 50.000 euros ao abeiro do programa Leader PEPAC 2023-2027
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda instalará un punto de recarga rápida para vehículos eléctricos na avenida do Parque. O proxecto municipal, aprobado como actuación pública de natureza non produtiva, ten un investimento previsto de 64.566,48 euros e recibirá unha axuda de 50.000 euros ao abeiro das axudas Leader do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC).

A actuación permitirá incorporar ao centro da vila unha nova infraestrutura pública vinculada á mobilidade sostible e á transición enerxética. A memoria presentada polo Concello sinala como obxectivos mellorar os servizos públicos dispoñibles, atender unha demanda crecente da cidadanía e das persoas que se desprazan ao municipio e reforzar a dotación local de puntos de recarga.
O emprazamento escollido, na avenida do Parque, busca facilitar o acceso ao servizo nunha zona céntrica, visible e de fácil utilización. Estará situado na transición entre as prazas públicas de aparcamento e o espazo reservado para os taxis, na zona que se está a renovar coas obras da Avenida. A instalación contará con dúas mangueiras, reservándose unha delas para os taxis, a fin de fomenter tamén a renovación da flota de vehículos de servizos públicos, facilitando a transición cara aos vehículos eléctricos.
PUBLICIDADE
Outra das mangueiras terá carácter público e aberto, polo que poderá ser empregada tanto pola veciñanza como por persoas que se despracen a Silleda por motivos laborais, administrativos, comerciais ou turísticos, así como por profesionais e pequenas empresas que empreguen vehículos eléctricos ou híbridos enchufables.
Servizo público con dispoñibilidade continuada
O punto de recarga prestarase, con carácter xeral, en réxime de dispoñibilidade continuada as 24 horas do día, agás incidencias técnicas, operacións de mantemento, reparacións ou outras causas de forza maior.
PUBLICIDADE
A previsión municipal é establecer unha tarifa pública vinculada á enerxía consumida, que deberá ser aprobada polo órgano municipal competente. Tamén se contempla a posibilidade de usos gratuítos en campañas ou accións puntuais de promoción e sensibilización sobre mobilidade sostible.
PUBLICIDADE
O proxecto inclúe a subministración e instalación do propio equipo de recarga, as obras civís e instalacións auxiliares, a conexión eléctrica e os sistemas de protección, así como a sinalización horizontal e vertical, os elementos informativos e os medios técnicos necesarios para a xestión e mantemento do servizo.
PUBLICIDADE
A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que “esta actuación permitirá incorporar un novo servizo público nun punto estratéxico da vila e avanzar na adaptación das nosas infraestruturas aos novos modelos de mobilidade”. “Cada vez hai máis persoas que utilizan vehículos eléctricos e é importante que Silleda conte con puntos de recarga accesibles, tanto para a veciñanza como para quen nos visita ou se despraza ata aquí”, engade.











Comentarios