O Concello de Silleda inicia a elaboración do seu Plan Municipal de Vivenda
- Laura Moure

- hace 7 horas
- 2 min de lectura
O obxectivo é aproveitar as novas oportunidades do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 do Goberno de España
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de dar un novo paso na súa política municipal de vivenda coa tramitación do expediente para contratar a asistencia técnica que permitirá elaborar o Plan Municipal de Vivenda de Silleda, unha ferramenta estratéxica coa que o goberno local quere avanzar na identificación de necesidades reais e na procura de solucións concretas para facilitar o acceso á vivenda no municipio.

A iniciativa está impulsada desde a Oficina Municipal de Vivenda, abre unha oportunidade especialmente relevante para que os municipios que teñan traballo previo, solos ou inmobles identificados e propostas viables poidan optar a financiamento público do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 do Goberno de España, para incrementar o parque de vivenda protexida, social e alcanzable.
“Estamos ante unha oportunidade histórica. O acceso á vivenda é un dos grandes retos deste momento e os concellos non podemos quedar mirando para outro lado. Se vai haber máis recursos públicos para crear vivenda alcanzable, Silleda ten que estar preparada, cos deberes feitos e con proxectos serios enriba da mesa”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.
PUBLICIDADE
O contrato coa empresa DS consultores por importe de 18.089,50 euros, permitirá dispoñer dunha asistencia técnica especializada para analizar a situación actual da vivenda en Silleda, estudar a demanda existente, identificar colectivos con maiores dificultades de acceso, revisar solos ou inmobles con potencial residencial e avaliar a viabilidade técnica, urbanística, económica e xurídica de posibles actuacións municipais de vivenda protexida, social ou alcanzable.
Entre os traballos previstos inclúese tamén a análise de posibles modelos de xestión, fontes de financiamento, estimación de custos e alternativas de promoción, tanto en réxime de alugueiro alcanzable como de venda con protección permanente. O Plan Municipal de Vivenda analizará tamén a situación da mocidade, das persoas con dificultades de emancipación, das familias con menos recursos, das persoas maiores e doutros colectivos con maiores problemas para acceder a unha vivenda digna, adecuada e a prezo asumible.
“A finalidade é que o Concello conte cunha base sólida para tomar decisións e, se é posible, concorrer con garantías a futuras liñas de axuda estatal, autonómica ou europea”, sinala a alcaldesa.
PUBLICIDADE
Paula Fernández lembra, ademais, que este Plan “non nace de cero”, senón que dá continuidade ao traballo que o Concello xa vén realizando nos últimos meses en materia de vivenda. Neste sentido, destacou a cesión definitiva por parte da SAREB ao Concello do solar do Barrio do Campo, así como a finalización das obras do edificio da Avenida da Estación, tamén propiedade da SAREB, que se atopa en proceso de traspaso a Casa 47, a inmobiliaria do Goberno de España, co obxectivo de poñelo a disposición da veciñanza a través de alugueiros accesibles. “Estamos movendo todas as pezas posibles: solares, edificios, inmobles con potencial residencial e oportunidades de colaboración con outras
administracións. Agora o que queremos é ordenar todo ese traballo nun Plan Municipal de Vivenda que nos diga que opcións son viables e como podemos transformalas en solucións reais”, explica a rexedora.








Comentarios