top of page

O Concello de Silleda aclara que Casa 47 xa é titular das 44 vivendas da Avenida da Estación

hace 8 minutos
4 min de lectura

Sinala que resta por completar a emisión da documentación rexistral e a tramitación dos CUPS individualizados de cada vivenda


Ecos da Comarca/Silleda

O Concello de Silleda quere aclarar a situación das 44 vivendas da Avenida da Estación tras as declaracións realizadas polo BNG reclamando a súa posta en alugueiro alcanzable. "Casa 47 xa é titular do edificio dende o pasado mes de agosto e a promoción atópase na fase final dos trámites necesarios para poder poñer as vivendas a disposición da cidadanía", sinala.


"Neste momento quedan por completar dous procedementos. Por unha banda, a finalización de todos os trámites rexistrais da promoción. A inscrición estaría realizada e restaría a emisión da correspondente documentación, que se espera que se produza na vindeira semana. Tamén está pendente que Hidroeléctrica de Silleda tramite os CUPS de cada piso, os códigos que identifican individualmente cada subministración eléctrica

e permiten posteriormente dar de alta a luz en cada vivenda. Este procedemento está demorándose máis do inicialmente previsto".


Unha vez completados estes trámites, apunta o Concello, Casa 47 poderá avanzar na posta a disposición das 44 vivendas e na apertura da correspondente convocatoria de alugueiro asequible.


A alcaldesa, Paula Fernández Pena, subliña que “non estamos diante dun edificio cuxo destino estea por decidir. Casa 47 xa é titular das vivendas, o destino é o alugueiro asequible e estamos pendentes de completar os últimos trámites para poder poñelas en servizo despois de anos de tramitación e traballo”.

Foto de arquivo dun salón.
Foto de arquivo dun salón.

Fernández Pena considera lexítimo reclamar que os procedementos se axilicen, pero lamenta que, malia que o BNG coñecía de primeira man o estado deste edificio, “prefira agora, cando o proceso está xa na súa fase final, saír reclamar axilidade, co único fin de poder dicir que, se as vivendas saen como alugueiro asequible, foi grazas a eles. Actúan sempre así”.


Casa 47 xa ten as súas propias condicións de acceso

Cuestiona o goberno local que o BNG local propoña que o alugueiro non supere o 20 % dos ingresos netos da unidade familiar cando as condicións de acceso a estas vivendas non corresponden ao Concello, senón a Casa 47, que xa ten publicado o seu propio sistema de acceso, con requisitos económicos, límites de renda e procedemento de adxudicación que poden consultarse na súa páxina web. “Non se pode reclamar que o Concello estableza unhas condicións que non lle corresponde establecer e, ao mesmo tempo, obviar que a entidade titular das vivendas xa ten publicado como funciona o seu sistema de alugueiro asequible”.


Nas convocatorias publicadas ata o de agora na provincia de Pontevedra, as unidades de convivencia deben ter ingresos anuais netos situados, con carácter xeral, entre 2 e 7,5 veces o IPREM —entre 16.800 e 63.000 euros— e só poden solicitar vivendas cuxa renda mensual represente entre o 15 % e o 30 % dos seus ingresos netos. “Non estamos diante dun modelo que haxa que inventar agora desde Silleda, senón dun parque estatal que xa ten definidas as súas regras de acceso”, conclúe a alcaldesa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

A Oficina Municipal de Vivenda leva meses recollendo persoas interesadas

O goberno municipal rexeita tamén a idea de que o Concello non estea actuando neste proceso. Ademais do seguimento do proceso e da colaboración institucional para poder

resolver cuestións directamente coa SAREB, desde hai meses a Oficina Municipal de Vivenda de Silleda está recollendo os datos das persoas que trasladan o seu interese por acceder a unha vivenda en alugueiro no municipio, precisamente para poder informalas no momento en que Casa 47 abra a correspondente convocatoria, como xa está a facer noutras localidades galegas.


Esta listaxe municipal non substitúe a inscrición oficial de Casa 47 nin outorga prioridade na futura adxudicación. O seu obxectivo é coñecer a demanda existente e poder avisar ás persoas interesadas, informar dos prazos e dos requisitos e facilitarlles o acceso á convocatoria cando se abra.


Por iso, desde o Concello estase realizando un labor previo de información e acompañamento, sen interferir nun procedemento de adxudicación que corresponde exclusivamente á entidade estatal.


O Plan Municipal de Vivenda, en marcha desde a primavera e anunciado xa en xuño

O Concello lembra tamén que o traballo en materia de vivenda non nace agora nin se limita ás 44 vivendas da Avenida da Estación. "Silleda está elaborando por primeira vez un Plan Municipal de Vivenda, cuxo expediente se iniciou formalmente o pasado 27 de abril, dando continuidade ao traballo que xa se viña desenvolvendo desde a Oficina Municipal de Vivenda. A asistencia técnica para a redacción do Plan foi contratada no mes de xuño,

unha actuación que o propio Concello xa fixo pública o pasado 30 de xuño, explicando daquela que o novo documento permitiría analizar a situación residencial do municipio e definir medidas para impulsar o alugueiro, mobilizar vivenda e facilitar o acceso á mesma".


O documento atópase actualmente en elaboración e permitirá contar cunha diagnose real das necesidades de vivenda en Silleda, ordenar os recursos e actuacións existentes e definir novas medidas para incrementar a oferta residencial nos próximos anos. Entre as actuacións que se incorporarán ao documento estará precisamente a nova realidade das 44 vivendas da avenida da Estación, xa en propiedade de Casa 47 e destinadas ao alugueiro alcanzable, xunto coas vivendas que o Concello prevé habilitar e outras oportunidades que se están analizando.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Ao mesmo tempo, a Oficina Municipal de Vivenda leva meses recollendo información sobre a demanda existente, atendendo ás persoas que buscan vivenda e facendo seguimento das distintas posibilidades que poden incrementar a oferta residencial en Silleda. “Por iso non podemos aceptar que se diga que o Concello non está facendo

nada. O Plan de Vivenda empezámolo a tramitar en abril, contratamos a súa redacción e anunciámolo publicamente en xuño, temos unha Oficina Municipal de Vivenda funcionando e levamos meses facendo seguimento desta promoción e atendendo ás persoas interesadas. Isto non empezou esta semana nin a raíz dunha nota de prensa do BNG”, sinala Fernández Pena.


A alcaldesa insiste en que o obxectivo do Concello é que a política municipal de vivenda non dependa de actuacións illadas, senón que exista unha planificación que permita coñecer a demanda, mobilizar vivendas e inmobles, captar novas oportunidades e coordinar as actuacións municipais coas da Xunta e do Estado. “As vivendas de Casa 47 son unha oportunidade importantísima para Silleda, pero a política de vivenda do Concello non pode rematar aí. O Plan precisamente servirá para ordenar o que xa estamos facendo e marcar os seguintes pasos”, conclúe.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page