Rodeiro reivindicará o 18 de outubro o valor da Rubia Galega na XV Feira Rubia Galega do País
A celebración terá lugar no campo da feira de Río e contará con concursos, poxa e unha degustación de carne ao caldeiro
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro celebrará o vindeiro domingo 18 de outubro a XV Feira Rubia Galega do País, unha cita xa consolidada no calendario do municipio que ten como principal obxectivo poñer en valor a Rubia Galega, unha das razas autóctonas máis representativas de Galicia, así como recoñecer o traballo dos profesionais do sector agrogandeiro e a importancia da actividade gandeira para o mantemento do rural.

A xornada desenvolverase no Campo da Feira de Río e contará con diferentes actividades ao longo do día. O programa comezará coa recollida das tarxetas dos participantes, seguida dunha poxa. A partir das 13:00 horas terán lugar o concurso morfolóxico e o concurso oficial, que contará con seis categorías segundo a idade e as características dos animais, ademais dun premio especial do público.
PUBLICIDADE
A organización composta por O Concello de Rodeiro, Asociación Gandeira de Rubia Galega do País e a Cooperativa O Rodo destacan o carácter social, económico e cultural desta celebración, que permite achegar á cidadanía a realidade do sector gandeiro e contribuír á promoción dunha raza estreitamente vinculada ao territorio galego.
A Rubia Galega representa unha parte fundamental do patrimonio agrogandeiro de Galicia, polo que esta feira pretende contribuír á súa promoción e recoñecemento e recuperación, ao tempo que pon en valor o labor dos gandeiros e gandeiras que traballan diariamente no coidado dos animais e na conservación da actividade produtiva no rural.
PUBLICIDADE
A programación completarase ás 14:00 horas cunha degustación de carne ao caldeiro, nunha proposta gastronómica que permitirá tamén destacar a calidade dos produtos vinculados á gandaría e á tradición culinaria galega.
A XV Feira Rubia Galega do País está organizada polo Concello de Rodeiro, a Asociación Gandeira de Rubia Galega do País e a Coop O Rodo.









Comentarios