O BNG esixe que as máis de 40 vivendas da Sareb de Silleda se poñen en alugueiro antes das eleccións
Ante as reivindicacións sociais en materia de vivenda, o BNG considera que todas as administracións teñen responsabilidade e que os Concellos tamén poden facer a súa parte
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda reclama que as máis de 40 vivendas da SAREB situadas na rúa da Estación se poñan á disposición da veciñanza en réxime de alugueiro asequible antes das vindeiras eleccións. A formación nacionalista considera que, nun contexto de crecente preocupación social polo acceso á vivenda, "non é aceptable que estes inmobles continúen baleiros despois de anos de abandono, dous anos de obras e varios meses á espera de seren ocupados".

A portavoz municipal do BNG, Erea Rey, sinala que "levamos anos escoitando anuncios sobre o futuro destas vivendas, pero a realidade é que a veciñanza segue sen poder acceder a elas. O que precisamos son feitos, prazos concretos e que os pisos se poñan
dunha vez ao servizo da xente".
Rey considera que o debate arredor da vivenda que se está producindo nos últimos días demostra que toda as administracións deben asumir a súa parte de responsabilidade. "O Goberno do Estado ten que culminar o proceso e garantir que estas vivendas entren en servizo canto antes, pero os concellos tamén poden e deben facer a súa parte: reclamar solucións, defender os intereses da veciñanza e implicarse para que os proxectos saian adiante".
PUBLICIDADE
A portavoz nacionalista insiste ademais en que o concepto de alugueiro asequible deberesponder á realidade económica das familias. "Para o BNG, un alugueiro só é
realmente asequible cando permite desenvolver un proxecto de vida. Defendemos que
o custo da vivenda non debería superar o 20 % dos ingresos netos da unidade familiar".
Neste sentido, o BNG considera que estas máis de 40 vivendas representan unha
oportunidade para facilitar a emancipación da mocidade, favorecer que máis familias
poidan residir en Silleda e contribuír a fixar poboación no concello.
PUBLICIDADE
Por todo isto, a formación nacionalista reclama que se concreten de inmediato os prazos para a súa posta en funcionamento e que as vivendas estean dispoñibles para alugueiro antes das eleccións.
"Silleda non necesita máis anuncios sobre vivenda. Necesita vivendas habitadas, alugueiros que se poidan pagar e oportunidades reais para a súa veciñanza. Todas as
administracións teñen responsabilidade e todas deben actuar", conclúe Erea Rey.









Comentarios