O Concello de Rodeiro celebra a desestimación do parque eólico Agratrina
Ecos da Comarca/Rodeiro
O Concello de Rodeiro celebra a desestimación do parque eólico Agratrina. "É unha gran noticia para Carboentes e San Martiño", salienta o alcalde do municipio, José Luis Camiñas. O goberno municipal presentou alegacións contundentes contra o proxecto, mantivo encontros coa veciñanza e informou os afectados sobre como presentar as súas propias alegacións.

O Concello de Rodeiro valora moi positivamente a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de desestimar o proxecto do parque eólico Agratrina, "unha excelente noticia para o municipio e, especialmente, para os veciños das parroquias de Carboentes e San Martiño, que podían verse directamente afectados pola súa instalación".
Desde o primeiro momento, o goberno municipal implicouse na defensa dos intereses da veciñanza. O Concello presentou alegacións contundentes contra o proxecto, mantivo encontros cos veciños para trasladarlles información detallada sobre a iniciativa e explicoulles como podían presentar as súas propias alegacións para defender os seus intereses.
PUBLICIDADE
O alcalde de Rodeiro, José Luís Camiñas, amosa- a súa satisfacción por esta decisión e destaca que "é unha gran noticia para Rodeiro e, sobre todo, para os veciños de Carboentes e San Martiño. Desde o Concello tiñamos claro que debiamos actuar, presentar as nosas propias alegacións e estar ao lado da veciñanza, informándoa e facilitándolle os medios para que puidese defender os seus intereses".
Camiñas quere tamén deixar clara a posición do goberno municipal sobre a implantación das enerxías renovables: "En Rodeiro, eólica si, pero non de calquera maneira nin en calquera lugar. Estamos a favor das enerxías renovables e da transición enerxética, pero non podemos permitir que se implanten sen ter en conta a realidade do noso territorio, a actividade agrogandeira e a calidade de vida dos nosos veciños".
PUBLICIDADE
O proxecto Agratrina suscitaba preocupación pola súa posible implantación nunha zona de marcado carácter rural e agrogandeiro. Por iso, desde o Concello considerouse necesario actuar con firmeza e acompañar os veciños durante o proceso de información e presentación de alegacións. "O rural non pode pagar sempre o prezo das grandes infraestruturas sen que se teñan en conta as persoas que viven nel. A transición enerxética é necesaria, pero debe facerse con planificación, respecto polo territorio e garantías para a veciñanza", sinala o alcalde.
O goberno municipal considera que esta decisión pon de manifesto a importancia de que os concellos se impliquen activamente na defensa dos seus veciños e do territorio, especialmente cando están en xogo a paisaxe, a actividade económica e o futuro do sector primario. O Concello de Rodeiro continuará defendendo os intereses do municipio e apostando por un desenvolvemento sostible que faga compatibles as enerxías renovables coa protección do territorio e do noso rural.









Comentarios