O BNG cualifica os orzamentos da Xunta de "propaganda que perpetúa o abandono de Deza"
A deputada Ariadna Fernández acusa ao Goberno do PP "de presentar unhas contas estériles que condenan ao despoboamento en Deza, Tabeirós e Terra de Montes, deixando un rastro de incumprimentos"
Ecos da Comarca/Deza
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) amosou onte a súa profunda preocupación
ante o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio, ao que
cualificou de "continuista, propagandístico e inútil para resolver as urxencias estruturais
que sofren as comarcas do interior". A formación nacionalista denuncia que, "tras as
macrocifras e o teito de gasto récord publicitados polo Goberno do PP, afóndase nun
recorte encuberto nos servizos públicos e unha desleixo absoluta cara ás familias e os
sectores produtivos do medio rural". Os nacionalistas sinalan que estas contas "son a constatación de que a Xunta carece por completo dun proxecto de futuro para as comarcas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes".

O Bloque censura que o Executivo do PP "presuma de orzamentos históricos mentres a realidade a pé de campo amosa eivas intolerables: listas de agarda inasumibles en Saúde Mental no CIS de Lalín, obras de conservación no centro saúde de Silleda, ausencia de pediatras en horario de tarde na comarca, supresión de médicos en consultorios como o de Merza ou o desmantelamento de prazas de profesorado no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, onde a Consellería ven de impoñer a docencia virtual como castigo pola dispersión demográfica".
PUBLICIDADE
A esta precariedade, apunta, "súmase unha listaxe de necesidades históricas que a veciñanza segue a sufrir entre falsas promesas, como o abandono estrutural do CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces, o incumprimento da demandada unidade de diálise na Estrada, a falta de remate da concentración parcelaria de Val de Camba en Rodeiro ou os continuos atrasos para o inicio das parcelarias de Agolada. Non resultaron máis favorecidos Dozón e Silleda, onde os investimentos con nome e apelidos son inexistentes, nin unha miserenta partida para a promoción de solo empresarial na Área 33".
"Estes orzamentos só constatan o que o Partido Popular ten pensado para os concellos rurais e de pequeno tamaño: abandono e despoboamento", denuncia con contundencia a deputada do BNG, Ariadna Fernández. A parlamentaria nacionalista subliña "que non existen investimentos reais nin transformadores para a comarca fóra da partida destinada a un novo tramo da autovía AG-59".
PUBLICIDADE
"Esta miseria é o que achega a Xunta de Galiza nunha comarca con grandes fendas a nivel de conciliación, de coidados, no eido sanitario ou educativo, así como no comercio, no emprego ou no apoio aos nosos sectores produtivos", sinale Fernández. A deputada lalinense conclúe cuestionando con dureza "a propaganda do Goberno galego: O papel aguanta todo, pero, que se leva feito realmente nestas comarcas nestes anos a parte de promesas? Cales son as realidades?".









Comentarios