O Concello de Melide culpa do aumento do IBI ao equipo do PP que gobernou dende 2011 a 2015
- ecosdacomarca

- 1 dic 2021
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Melide
O Concello de Melide informa á veciñanza de que o incremento do Imposto sobre Bens Inmobles en fincas e vivendas das áreas rurais do municipio, con reclamacións de atrasos dende o ano 2017, "é consecuencia directa da revisión catastral á alza que a Administración local solicitou, durante o mandato do Partido Popular, 2011-2015, ao Goberno do Estado".
"Unha solicitude realizada no momento en que ambas as administracións se atopaban dirixidas polo Partido Popular, con Cristóbal Montoro no Ministerio de Facenda e a exalcaldesa Ángeles Vázquez no concello. Esta solicitude é facilmente rastrexable no BOE do 30 de setembro de 2014", recalca o actual equipo de goberno.
Como consecuencia da petición formulada polo Concello de Melide á Dirección Xeral de Catastro, explica, levouse a cabo un procedemento de regularización catastral que tivo como efecto unha actualización dos valores catastrais, o que derivou nun aumento dos correspondentes recibos a pagar polos/as contribuíntes afectados/as.
O goberno local lémbralle á oposición municipal, "que se ben no ano 2017 solicitaron unha rebaixa no coeficiente do IBI, esta non se viu compensada, nin moito menos, coa regularización catastral que está a ter importantes repercusións de índole económica na actualidade, afectando incluso aos catro últimos exercicios 2017-2020".
O goberno local sorpréndelle a "incongruencia" do Partido Popular, xa que "por unha banda estanse a recoller sinaturas para solicitar unha baixada no IBI, e, precisamente, foi durante o seu mandato cando eles mesmos solicitaron a revisión catastral á alza".







Comentarios