O Concello de Cruces convoca a primeira edición do ‘Concurso de Decoración de Nadal en Vivendas’
Un xurado avaliará as propostas, que se poderán presentar ata o 9 de decembro, e repartiranse 740 euros en premios
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces convoca a primeira edición do ‘Concurso de Decoración de Nadal de Vivendas 2026’, un certame que ten como finalidade fomentar a participación da
veciñanza na ambientación do Nadal, contribuír ao embelecemento das rúas e aldeas do municipio e promover o espírito festivo durante estas datas.

O certame está dividido en dúas categorías a concurso: categoría A para balcóns, fiestras
e pequenos espazos exteriores como galerías, portas de entrada ou pequenas terrazas; e
categoría B para fachadas e espazos exteriores de vivendas, como eiras, patios, xardíns,
portais e accesos. En total repartiranse en premios 740 euros, cun primeiro premio de 175
euros, un segundo premio de 125 euros e un terceiro premio de 70 euros en ambas
categorías, sendo os premios en ambas categorías independentes e non acumulables.
PUBLICIDADE

O concurso contará cun xurado, composto por unha persoa da corporación municipal, que
actuará como presidente, e catro veciños ou veciñas de Vila de Cruces, sendo un deles
secretario. O xurado valorará as decoracións participantes atendendo a criterios de
presentación e composición, orixinalidade e a ambientación de Nadal.
A participación será gratuíta e admitirase unha única inscrición por vivenda. Cada vivenda
poderá participar nunha única categoría, atendendo ás características da decoración
presentada. As persoas solicitantes deberán ser maiores de idade e estar empadroadas
na vivenda participante, que terá que estar situada no termo municipal de Vila de Cruces.
As decoracións terán que permanecer instaladas desde o 12 de decembro de 2026 ao 6
de xaneiro de 2027.
PUBLICIDADE
As persoas que desexen participar poderán presentar a súa solicitude no rexistro do
Concello, coa documentación obrigatoria, ata o 9 de decembro. A convocatoria, os
anexos e formularios están xa dispoñibles na páxina web do concello
www.viladecruces.gal. O prazo de resolución e notificación será de 1 mes contado a partir
do remate do prazo de presentación de solicitudes.








Comentarios