O Concello de Cruces aumentará o respaldo ás corais de Piloño e de Camanzo
- ecosdacomarca
- hace 5 días
- 3 Min. de lectura
Estas agrupacións son “memoria, tradición e verdadeiras escolas de saúde mental”, segundo destaca o alcalde, Luís Taboada
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces anuncia que reforzará o compromiso coas corais da localidade e, particularmente, coas corais de Piloño e Camanzo, que celebran senllos aniversarios, trinta anos a primeira e vintecinco a segunda, que os fixo o ano pasado. Inicialmente cada unha delas fará dous concertos anuais na residencia municipal de maiores, entre outras actividades que se están a barallar.
O alcalde, Luís Taboada, destaca que este tipo de agrupacións musicais son verdadeiros espazos de socialización e convivencia: “Ademais de ensaiar o canto e amosar en público unha boa calidade artística, as corais constitúen unha escola de saúde mental, memoria e tradición, mantendo vivo un patrimonio popular que cada vez ten maior percorrido e prestixio social. Cruces é terra de canto, de música e de variada expresión artística; por iso o Concello mantén un forte compromiso coa intensa actividade cultural enraizada nunha veciñanza cada vez máis activa e participativa”.
A Coral San Salvador de Camanzo, presidida por Ramón García, está composta actualmente por 25 membros, aínda que chegou a ter 34 compoñentes. A formación, que o pasado ano celebrou o seu 25 aniversario, foi creada ao abeiro da Asociación Cultural San Salvador de Camanzo en 1999 como unha actividade propia dos veciños desta parroquia crucense. Pero esta circunstancia non foi obstáculo para que xa, desde os seus inicios, a coral estivese formada por membros doutras parroquias veciñas.
Publicidade
O seu primeiro director foi José Ramiro Ferradáns, ao que sucedería Álvaro Varela Ferradáns e Tania Seoane Rodríguez. Ao longo destes anos, a coral ten actuado en numerosos pobos, participando en misas solemnes, festividades e todo tipo de concertos. Son de destacar as súas actuacións no Centro Cultural Caixavigo, no concerto de inauguración do Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces e en todas as edicións do festival local “Crucesarte”.
Logo dun tempo inactiva, en 2012 retoma a súa actividade baixo a dirección de Álvaro Lodeiro Novo, veciño da propia parroquia de Camanzo, que continúa hoxe á batuta. Nestes anos, a coral ten actuado en numerosos concertos e actos entre os que destacan a participación no V Festival Coral da Deputación de Pontevedra, no Mes Cultural do Concello de Narón, no Certame Galego de Corais Vila de Arbo, na Festa Gastronómica do Galo de Curral de Vila de Cruces, no Teatro Principal de Pontevedra ou no Festival Internacional de Música Insuas de Gres, onde actuou acompañando á Banda de Música Unión Musical Ponte Ledesma. Destaca tamén a súa colaboración e participación nos espectáculos “Un Verso, Un Cantar” e “Amantes da Terra”.
Desde 2012 organiza o seu propio Concerto de Nadal na Igrexa-Monasterio de Camanzo, concerto patrocinado e a beneficio da Fundación Internacional Josep Carreras de Barcelona.
A Coral Polifónica de Piloño celebra o seu 30 aniversario, composta por 30 voces mixtas. A agrupación naceu no ano 1995 co nome de Orfeón parroquial Nosa Señora de Hoy-Vas, pero por diversos motivos no ano 2000 cambia a súa formación pasando a contar con voces femininas, e incorporando novas voces masculinas. Xa no 2012 muda o seu nome polo de Coral Polifónica de Piloño.

Gran parte das súas actuacións son en misas cantadas, vodas, primeiras comuñóns ou funerais. Pero as súas actuacións máis importantes foron unha misa na parroquia de Ollares, oficiada polo bispo auxiliar Monseñor Luis Quinteiro Fiúza, con motivo daç consagración do altar; a organización dos Concertos de Nadal de Cruces; a súa participación na inauguración do Auditorio Municipal Xosé Casal de Cruces; a súa
actuación nunha gala contra a bulimia e a anorexia no Teatro Principal de Santiago; as
actuacións nos festivais de Crucesarte e nas xuntanzas da Solaina de Piloño; ademais
de múltiples colaboracións.
Outro fito destacado foi a súa colaboración, coa Coral de Camanzo, na gravación dun
CD que a Banda Artística de Merza fixo en maio de 2003 no Auditorio de Galicia en Santiago, poñendo as voces ao Himno de Vila de Cruces. No ano 2011 pasa a formar parte da Federación Coral Galega (FECOGA).
Comments