top of page

O Concello de Agolada acaba de pagar o préstamo acordado entre o anterior goberno do PP con Bankia

O actual alcalde, Luis Calvo, pretende abonar tamén neste ano o que queda do anticipo que lle concedeu a Deputación


Ecos da Comarca/Agolada

Este luns foi un día histórico para o Concello de Agolada, tal e como afirma o propio alcalde, Luis Calvo. O goberno do PAYJ acaba de abonar a última contía do préstamo acordado entre o anterior goberno do PP con Bankia. O montante era de 1.284.948 euros.


Este crédito comezou a pagarse no ano 2015 cando gobernaba o popular Ramiro Varela. Cada tres meses, o Concello tivo que abonar a esta entidade un total de 45.891 euros, xa que houbo que sumarlle os intereses. Cando chegou ao mandato o PAYJ no ano 2019 quedaban por pagar 596.583 euros.

Calvo tachando a contía que faltaba por pagar.

Desta maneira, o Concello de Agolada só está pendente de devolver un anticipo que no seu día, tamén durante o goberno dos populares, lle fixo a Deputación de Pontevedra e que se está descontando dos ingresos municipais en cotas. Neste caso, o goberno local quédalle por pagar tres contías anuais de 4.328 euros, o que significa, un total de 12.984 euros. Desta maneira, a débeda quedaría saldada no ano 2025. Sen embargo, o rexedor afirma que será neste mesmo ano, 2022, cando se acabe de pagar este anticipo ao ente provincial, quedando así estas débedas solucionadas.


(O vídeo do alcalde no enlace)

O mandatario síntese satisfeito e feliz de ter pagado xa o crédito de Bankia, xa que tivo que liderar a Alcaldía de Agolada herdando unha débeda como esta. O esforzo que tivo que facer o equipo de goberno do PAYJ foi aínda máis grande, non só por dirixir por primeira vez un Concello, senón polo endebedamento co que se atopou. A partir de entón, considera que será máis doado traballar polos veciños e sacar adiante os distintos proxectos para mellorar os servizos do pobo.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page