top of page

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia condena as agresións e intimidacións ós xornalistas

Nun momento marcado pola desinformación, o CPXG recorda o papel irremprazábel do xornalismo nas sociedades democráticas


Ecos da Comarca/Xeral

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia condena as agresións e intimidacións ás e aos profesionais da comunicación, cada vez máis comúns, e incompatíbeis co dereito da poboación a estar informada. Nun momento marcado pola desinformación, o CPXG recorda o papel irremprazábel do xornalismo nas sociedades democráticas.

Nos últimos tempos, unha serie de circunstancias ás que non son alleas as distintas crises do xornalismo ou a crecente crispación política, teñen provocado un aumento dos ataques aos e ás profesionais dos medios de comunicación. Os sinalamentos, os insultos, as ameazas ou mesmo as agresións físicas a xornalistas son cada día máis comúns non só a nivel mundial, senón tamén nas nosas contornas máis próximas. A recente intimidación en Vigo a unha profesional dun programa da Televisión de Galicia non é máis do que un novo exemplo dunha situación intolerábel cada vez máis habitual, que se estende ao ámbito dixital e que afecta de maneira máis acusada ás xornalistas mulleres. É preciso que cesen inmediatamente as agresións de todo tipo a periodistas, incompatíbeis cunha sociedade que defenda as liberdades de expresión e de prensa. Cómpre ademais que as empresas de comunicación teñan entre as súas prioridades a seguridade das e dos profesionais e non os expoñan a riscos innecesarios. 


En relación a isto, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar que existe unha diferenza clara entre a crítica lexítima ao traballo das e dos informadores e este tipo de comportamentos totalmente inaceptábeis. Como calquera outro tipo de profesional, os e as xornalistas poden ser cuestionados e mesmo criticados polo exercicio do seu traballo, mais as discrepancias non poden ser a escusa para violentar a quen garante un dos dereitos fundamentais da cidadanía: o de estar informada. 

 

Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O periodismo enfróntase a unha crise de credibilidade nun panorama marcado polo cuestionamento interesado da necesidade dunha información profesionalizada. O reforzamento da confianza da cidadanía debe abordarse tamén dentro do propio xornalismo, mediante o reforzamento dos estándares profesionais e do compromiso deontolóxico, ofrecendo transparencia sobre os procedementos de traballo ou establecendo mecanismos para que os medios de comunicación reciban, canalicen e respondan axeitadamente as críticas que son expresadas de maneira correcta.

 

A crítica que se formula desde o respecto é síntoma dunha comunidade esperta e consciente, e debe de ser alentada en beneficio do propio xornalismo e do conxunto da cidadanía. Pola contra, os ataques, tanto físicos como verbais, a quen está a trasladar o que acontece só poden levarnos cara a unha sociedade peor informada e, polo tanto, menos libre e democrática.




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page