top of page

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental do proxecto industrial de Greenfiber en Palas

"Cremos que o modelo de desenvolvemento industrial de Galicia tense que facer con criterios de sustentabilidade, defensa do medio ambiente e integración dos proxectos económico/empresariais no conxunto dos valores e tradicións sociais, culturais, paisaxísticas e etnográficas dun territorio"


Ecos da Comarca/Xeral

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), por acordo da Xunta de Goberno do 17 de abril de 2024, vén de presentar alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental do proxecto industrial que a firma Greenfiber (Altri e Greenalia) ten intención de instalar no municipio lucense de Palas de Rei, desde a súa responsabilidade como axente fundamental na definición das directrices de ordenamento urbanístico e territorial de Galicia. "Esencialmente, reclamamos máis información acerca dunha iniciativa que, entendemos, non se acomoda ao modelo de desenvolvemento territorial que Galicia precisa e que, desde o COAG, vimos defendendo nos 50 anos da nosa historia".


"Cremos que o modelo de desenvolvemento industrial de Galicia tense que facer con criterios de sustentabilidade, defensa do medio ambiente e integración dos proxectos económico/empresariais no conxunto dos valores e tradicións sociais, culturais, paisaxísticas e etnográficas dun territorio. Entendemos que a industrialización do século XXI ten que apostar pola evolución do territorio e non por unha alteración radical con criterios propios do século pasado", recalca.


Publicidade


"O noso texto de alegacións quere ser, coma sempre, rigoroso e construtivo. Rigoroso nas argumentacións e construtivo no sentido de poder estudar outras alternativas e, mesmo, volver ás propostas iniciais e buscar unha resposta consensuada. Desde ese punto de vista, e de xeito sintético, entendemos que o proxecto de Greenfiber, pola información dispoñible ata o de agora, sementa moitas dúbidas acerca do seu cumprimento coas propias directrices autonómicas de Ordenación do Territorio, en especial pola ausencia de indicadores esenciais. Do mesmo xeito, o novo proxecto industrial parece entrar en contradicións consigo mesmo acerca dos seus supostos beneficios. En contra do que se ten dito, o proxecto aposta por unha industria de primeira transformación (elaboración de pasta de celulosa) e non avanza na circularidade nin completa o ciclo da madeira con criterios de sustentabilidade, o que aportaría un maior valor engadido".

Insistir, recalca, "en proxectos forestais que requiren unha especie de alto consumo de auga, xunto coas elevadas necesidades hídricas expostas pola empresa como imprescindibles para o seu funcionamento, comprometen a aposta autonómica polo ciclo integral da auga. Finalmente, como arquitectos e urbanistas non podemos entender que se estea a falar dun proxecto industrial na primeira liña do Camiño de Santiago sen ter recabado previamente o impacto do mesmo na consideración desta Ruta como Patrimonio da Humanidade. Galicia non pode actuar na maior ruta cultural de Europa, e unha das máis importantes do mundo, sen informar e recabar a opinión das instancias culturais, galegas e internacionais, que actúan sobre un patrimonio e que, na medida que é mundial, xa non é só noso".


"Entendemos que Galicia conta con solo industrial de calidade, baleiro ou en transformación, susceptible de acoller proxectos empresariais coma este. E non poderíamos compartir unha estratexia de ordenamento do territorio na que, por unha banda, se constrúen polígonos industriais que quedan sen uso e, por outra, se destrúe a paisaxe rural para albergar instalacións fabrís. Se isto é así é que algo falla na planificación".


Publicidade

Como criterio xeral, subliña, "entendemos que os proxectos de interese estratéxico (PIE), pola súa propia definición, téñense que desenvolver de xeito alleo a calquera condicionante circunstancial, como optar a determinados fondos europeos. O verdadeiramente importante non se pode despachar con criterios de urxencia. E se os fondos que captamos os empregamos para construír proxectos erróneos, en lugar de investir estaremos xerando no futuro gastos insospeitados e consecuencias desafortunadas. Desde o COAG vimos apostando historicamente polo desenvolvemento de Galicia. Con achegas que seguen un fío común: o diálogo, a posta en valor permanente do noso territorio, da nosa paisaxe e da nosa historia, e o convencemento de que o futuro ten que ser sostible, integrado e baseado na evolución harmónica do que sempre fomos. Nesa liña traballamos e traballaremos sempre, aportando unha mirada rigorosa, baseada nos fundamentos da nosa disciplina e apostando, en primeiro lugar, polo servizo á sociedade galega".


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page