O colexio Martagona de Melide foi galardoado co distintivo "Selo Vida Saudable"
- Laura Moure
- 7 jul 2023
- 6 Min. de lectura
"Que o Ministerio de Educación nos premie, por diante doutros moitos centros de todo o territorio nacional, é unha honra e un estímulo para seguir na dirección da dinamización", sinala o cruceño e profesor de Educación Física do centro melidense Diego Castro
Laura Moure/Melide/Cruces
O alumnado do CEIP A Martagona de Melide acaba de ser galardoado co distintivo de calidade de centros docentes "Selo Vida Saudable". Este é un premio nacional que outorga un recoñecemento público aos centros que fomentan a aprendizaxe da saúde no ámbito educativo, así como a dinamización de prácticas de vida saudable e unha educación física que permita o adecuado desenrolo persoal e social ao largo da escolarización dos rapaces. A validez da concesión deste recoñecemento estenderase con carácter indefinido sempre que por parte dos devanditos centros mantéñase o cumprimento das condicións e requisitos que deron lugar á súa concesión. Hoxe falamos co profesor de Educación Física do colexio da Martagona Diego Castro Taboada, que ademais é de Vila de Cruces.

1. Para o centro educativo que significa recibir este distintivo?
Saúdos agarimosos a toda a familia de Ecos da Comarca. Antes de nada, gustaríame agradecervos en nome de todo o centro a visibilidade que este tipo de iniciativas aportan ao eido educativo. Que o Ministerio de Educación galardoe ao CEIP Martagona, por diante doutros moitos centros de todo o territorio nacional é dende logo unha honra e, sobre todo, un impulso para crer que o que se está a facer serve de estímulo para seguir na dirección da dinamización, non só dende este enfoque saudable, senón tamén dende calquera outra temática. Estamos a falar dun premio nacional que outorga un recoñecemento público aos centros que fomentan a aprendizaxe da saúde no ámbito educativo, así como a dinamización de prácticas de vida saudable e unha educación física que permita o adecuado desenrolo persoal e social ao largo da escolarización dos alumnos/as. A nivel de repercusión, é como cando calquera equipo deportivo gaña unha competición europea.
2. E supoño que para vostede, como docente promotor do programa será un orgullo.
Orgullo por ver que o traballo do alumnado foi recompensado. Teño que dicir que atopeime un centro no que a totalidade do alumnado foi moi respectuoso coa materia -que non sempre é así-, e coas alternativas propostas. É algo que sempre estou remarcando cando falo con compañeiros/as do gremio. Moitas veces temos dificultades para comprender que o que facemos é por unha finalidade en concreto, costando entender o; “para que serve isto?” Será un punto de partida para comezar a construír un entorno máis saudable.
3. Ademais, teño entendido que non é o único colexio que recibe un recoñecemento sendo vostede profesor.
Aquí teño que recordar ao CEIP Plurilingüe de Silleda (neste centro estiven tres cursos), tanto aos meus compañeiros/as, alumnado e familias. Estas últimas tiveron un peso fundamental no galardón económico que o centro conseguiu no 2021, xa que unha das dinámicas que nos axudou a conseguir o primeiro posto nese concurso foi a remodelación dun areeiro para transformalo nunha pequena zona que se empregaba a modo de “gynkana” deportiva, onde instalamos: “tirolina” caseira, ponte colgante feito con palés, barra de equilibrio con neumáticos, etc. Todo isto reutilizando material.
4. En que consiste o programa que levaron a cabo no CEIP de Melide?
Cabe remarcar que este ano, ao ser experimental, levouse a cabo dende a materia de Educación Física, coa idea de, en vindeiras ocasións estendelo a nivel centro. Trátase dun plan de saúde anual que se divide en tres bloques: Actuacións lonxitudinais ou diarias: aquelas que se realizan durante todo o ano. Destácanse as seguintes:
Dinamización do proxecto “piEFcitos”: ambientouse a materia nun núcleo temátic que está vinculado á área de ciencias sociais. Coñeceron de forma guiada as diferentes partes do territorio español a medida que avanzamos no traballo dos contidos psicomotores.
Gardas / descansos activos: cuñas psicomotrices entre clases teóricas.
Cesión de material nos recreos: procedeuse á cesión de diverso material nos períodos de ocio, tratando de aumentar as posibilidades lúdicas do alumnado. Cada ciclo dispuxo dunha caixa con material variado para empregar en función dos seus intereses. Ademais, na zona do “porche” habilitáronse actividades de rol.
Almorzos saudables: alimentación saudable e equilibrada diariamente instaurando os venres saudables.
Plan lector dinámico: fomento da lectura en combinación das habilidades motrices básicas.
Sesión OFF: momentos de relaxación cognitiva no final da xornada lectiva.
Actividade física na casa: continuidade dos contidos traballados dentro do horario lectivo, como puido ser este ano a dinámica de “Dance Revolution”.
Costas firmes: control da posición de sentado en 1º ciclo.
Educación Física 2.0: enfoque transversal desde a materia de Educación Física integrando todas as demais materias.
Publicidade
Actuacións transversais: trátanse de varias actuacións puntuais sobre temáticas concretas, realizadas nunha sesión mensual.
Participación no plan “Xogade”: esta modalidade está vinculada ao comunmente chamado “deporte escolar”, para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º.
Xornadas de convivencia: xornadas nas que os centros de Melide desfrutamos de actividades lúdicas de forma conxunta. Ademais, realizamos outra xornada co colexio de Sobrado, xunto co meu compañeiro de profesión Adrián Saavedra.
Xogos de primavera: leváronse a cabo campionatos deportivos sempre que o tempo acompañou, tratando de fomentar a práctica de diferentes modalidades deportivas.
Outras actuacións complementarias: trátase daquelas que se veñen desenvolvendo desde
anos atrás no centro e que contribúen á concienciación da saúde de toda a comunidade
educativa.
Froita e lácteos na escola: programa no que o centro xa participaba dende anos anteriores.
5. E como respondeu o alumnado?
Sería pouco correcto pola miña banda dicir que a aceptación de propostas motrices é sempre positiva, xa que como entra dentro de toda normalidade, a non todos e todas lles gusta a actividade física, do mesmo xeito, que non lles gusta a todos os públicos a materia de ciencias ou outra similar. Dito isto, estamos moi satisfeitos debido a que aquel alumnado que a principio de curso non contabamos coa súa participación, a día de hoxe, si. Consideramos que, como mencionei antes, será un punto de partida.
6. Canto tempo leva impartindo clase?
No ano 2017 presenteime por primeira vez ás oposicións do corpo de mestres/as e, afortunadamente, todo saíu ben. Dende esas compaxino a miña actividade docente coa de preparar oposicións de Educación Física, actividade que comecei no 2018.
Publicidade
7. Cal é a importancia da materia de Educación Física nas clases?
Podería responder a este pregunta de miles formas, pero o primeiro que se me ocorre é dende logo o ámbito da saúde. Múltiples de artigos científicos sustentan a actividade física como principal factor preventivo de enfermidades de carácter crónico, outros asocian a activación motriz cunha estimulación neuronal que provoca melloras nos patróns de comportamento e rendemento académicos, outros clarifican melloras en saúde mental, e así, un largo etcétera. Son dos que pensan que o medible, raramente é opinable, sendo a gran cantidade de estudios existentes os encargados de pór á materia no lugar correspondente. A nivel persoal, un dos principais obxectivos que teño como docente de Educación Física é tratar que o alumnado entenda a materia como fármaco de prevención. Vólvese tarefa complexa xa que estamos a falar de alumnado de 6 a 12 anos onde o nivel comprensivo é moi variable. Ademais disto, se nós botamos a vista atrás, esta materia case sempre estivo enfocada dende un paradigma meramente lúdico, sen apenas contido curricular. Persoalmente, négome rotundamente a que isto continúe así, xa que a lexislación é clara ao respecto dándolle un sitio cada vez máis privilexiado á materia.
8. Nota que cada vez os nenos fan menos deporte e prefiren pasar máis tempo diante
dunha pantalla? Ou isto pasa menos nas zonas rurais?
Sexamos galegos nesta pregunta; DEPENDE. Ben é certo que a tendencia, segundo nos din os artigos, non é nada optimista. A OMS afirma que, en moitos dos países europeos, o 35% da poboación infantil amosa condutas sedentarias. Na actualidade vívese moito tempo fronte a unha pantalla facendo que o sistema muscular e cardiovascular non posúa unha apropiada actividade para un funcionamento adecuado, creando trastornos que afectan ao sistema cardiovascular e metabólico do ser humano. Comezaba dicindo “depende”, porque a influencia familiar é determinante. Se meus pais prefiren o sofá a modo de rutina, eu tamén vou a ter sofá. Se meus pais escollen as andainas pola natureza, os paseos en bicicleta, as actividade deportivas, eu, como neno, vou a ter movemento no meu día a día. Teño unha máxima que é que: “no centro incentívase, na casa influenciase”. O alumnado de zonas rurais? Atópome no medio dun estudio no que trata curiosamente este tema. Sen desvelar moito, o alumnado que “eu” como docente tiven, canto máis rural sexa o seu domicilio, maiores valores motores alcanzan. Deixo o resto para que os lectores reflexionen!
9. Por último, e como docente, considera que a rivalidade entre menores no deporte é
saudable?
Vamos a ter que competir moitas veces: por entrar na carreira que desexamos, por conseguir un posto de traballo na que hai máis aspirantes, etc. Nós, os docentes, para ser funcionarios de carreira tivemos que superar un proceso competitivo. Que pasa se non formamos ao alumnado no éxito e no fracaso? Claramente que o nivel de frustración será moi ondulante. Sempre que chego novo a un centro atópome con esta dificultade, sendo a miña intención facilitarlles isto, procurando que teñan experiencias positivas, pero tamén negativas. Con negativas refírome a que vai haber certas situacións que non sexan superadas á primeira, moitas delas buscadas conscientemente. A nivel pedagóxico temos que darlles ferramentas para que a final de curso saiban manexar de forma máis produtiva estas situacións. Os inicios precisan dun tempo de adaptación, pero sempre se acaban conseguindo os obxectivos, chegando á conclusión de que competir debería ser saudable. Remato dando as grazas por darlle cobertura ao noso centro.
Neste enlace pode consultarse os centros, que nos últimos días, lles outorgaron xunto ao CEIP da Martagona este distintivo: https://www.boe.es/boe/dias/2023/06/29/pdfs/BOE-A-2023-15209.pdf
Comments