top of page

O cambio de Roval para seguir sendo os mesmos

A mítica xoiería de Melide loce nova imaxe e incorpora Sargadelos

José María Valcárcel ás portas da súa xoiería.


Laura Moure/Melide

Hai negocios que xa son unha marca, unha identidade. Todo porque ao longo de anos e pasando de xeracións e xeracións conseguiron meter no peto a súa clientela. Hoxe en día Internet está mudando a maneira de mercar, pero máis dun segue apostando pola calidade e o trato persoal o que fai que o comercio local siga turrando para combater contra as grandes empresas. En Melide e arredores falar de Roval é falar xa dunha tenda mítica, cargada de historia. Na actualidade, dirixida por José María Valcárcel Rodríguez, loce nova imaxe tras levar a cabo unha reforma e ademais, incorporou Sargadelos.


"Os meus pais son Celia e José María, dous ourensáns que, como moitos outros daquela terra, tiveron que buscar o pan para vivir polo mundo adiante. Cando asentaron a vida despois de casar alá polo 1969 decidiron vir parar Melide, como poderían ter quedado noutro sitio… Ao fin e ao cabo, eran xente “de mundo”. Viñan facer as feiras de por aquí: Arzúa, Curtis, Monterroso, Agolada, Lalín… e Melide pareceulles un bo sitio para asentarse", conta José María Valcárcel.

No ano 1981 abriron Xoiería Roval en Melide compaxinando o traballo nas feiras e mercados igualmente durante bastantes anos máis. "Nese momento mamá deixou de ir ás feiras para atender máis a tenda. Hai que entender que as feiras foron a orixe do que hoxe somos, porque, aínda que eran moi duras, sobre todo no inverno, tamén é certo que nelas gañábase ben o pan", conta. Por qué unha xoiería e non calquera outro negocio?, nos preguntamos. "Pois seguramente porque nas feiras meu pai sempre foi coñecido como o “pendienteiro”. Vendíase algo de todo: desde fío de coser ata cadeas de prata, ouro… e tamén xoguetes, coitelos, navallas, carteiras", explica o fillo.

Desde pequeno el sempre estivo moi pretiño do negocio familiar e ao final, o destino quixo que el se puxera á fronte. "Sempre me gustou digamos “atender á xente”. Como case todo nesta vida, ten que gustarche porque se non estarás facendo algo toda a vida ou parte dela a desgusto. No meu caso, xa pequeniño ía con eles as fins de semana e festivos. E logo nos estudios moi ben, pero a pesar de ter estudiado e formarme en Empresariais, sen ter rematado a carreira, por certo, sempre tiven claro que o meu futuro estaría na tenda", conta. E a vida levouno a que tivera que facerse cargo antes do previsto. "As circunstancias da vida xa fixeron que se precipitase un pouco a decisión. No ano 97 tivemos unha desgracia familiar moi grande e xa me puxen ao fronte, aínda que compaxinaba un traballo por conta allea axudando na tenda cando podía".


Así foi cando José María Valcárcel colleu o temón para continuar co legado da súa familia. "A partir de aí, pois medrando humildemente ano tras ano, facendo fiel á clientela, sempre cun bo consello, con seriedade. Superamos a crise que houbo entre 2012 e 2015 máis ou menos, e logo estábamos de novo nun bo momento, comercialmente falando, ata que chegou o 2020, que foi o ano da pandemia, das decisións importantes, de Sargadelos…"


Pero o máis importante é que en tempos de vacas fracas a súa clientela segue aí. "A nosa é unha clientela moi fiel e, en xeral, de perfil moi variado. Pero é certo que moita da xente que vén á nosa tenda volve sempre porque está contenta e, ademais, fala moi ben de nós cando lles preguntan, e iso xera novos clientes dun xeito moi doado. A seriedade aínda se valora moito, sobre todo nun negocio coma este. Temos un servicio de arranxos de xoiería e reloxería moi bo. E tamén volcámonos en dar ideas para presupostar xoias concretas, reformar outras…".


A pandemia, como a maioría dos negocios, tamén lles está afectando, pero sempre hai que intentar ser positivos e sacar a parte boa. "A pandemia tivo un comezo en marzo de 2020. Ao principio supoño que todos eramos relativamente pesimistas vendo o que estaba pasando conforme pasaban os días en marzo e abril. Pero en maio cando volvemos a xente respondeu moi ben. Houbo consumo, consumo local, e consumo de produto porque ocio, viaxes, etc estiveron parados, aínda están, de feito. Así que o 2020 foi bastante bo". E ademais, decidiron empezar unha nova etapa. "No noso caso trouxo a oportunidade de incorporar Sargadelos e aproveitámola. Cando xa decidimos dar ese paso adiante e estivemos da cordo con eles na necesidade da reforma da tenda, empezou unha segunda parte que foi complicada pola reforma en si: decisións, presupostos, ideas, traslado a outro local temporalmente… E un retraso importante na execución. A sorte é que estivemos moi preto da nosa tenda de sempre e nun local amplo. Alí xa incorporamos Sargadelos á nosa oferta e puidemos traballar bastante ben o último trimestre do ano".


A partir de agora para Roval toca seguir sumando, pero sen esquecerse da súa orixe. "E agora vimos de empezar esta nova etapa xa na “nosa casa”, moi contentos co resultado final. A tenda quedou acolledora, cómoda, pero tamén máis moderna, máis espaciosa, e co mobiliario adaptado ao que queríamos. Cambiamos para seguir sendo os mesmos. O futuro non sabemos por onde irá, porque as cousas están como están, pero somos optimistas. Está claro que a saúde é o primeiro, sen dúbida, pero se superamos estes meses máis complicados teremos moito gañado porque estaremos ben preparados para afrontar o que veña, que será bo, seguro".


Pois quedámonos con esas palabras de optimismo porque de seguro virán tempos mellores para todos.




0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page