top of page

O bo facer de Cunqueiro (Palas de Rei) e Eferro (Vila de Cruces) chega a Portugal

A Xunta congrega máis de 200 prescritores en Lisboa co proxecto ‘Artesanía no Prato' que promove pezas de Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía


Ecos da Comarca/Xeral

O Consello da Xunta analizou onte o informe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración sobre o evento profesional Artesanía no Prato. O sabor da Galicia em Lisboa, que se celebrou do 14 ao 16 de setembro na capital portuguesa e que conseguiu congregar máis de 200 prescritores procedentes do sector da restauración; de tendas de deseño, artesanía ou produto gastronómico; de grupos de investimento do sector hostaleiro; así como representantes institucionais e de medios especializados. O evento que promoveu as pezas de Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía traduciuse tamén en numerosos contactos comerciais que se están a materializar en encargas firmes para os obradoiros artesáns da nosa Comunidade.


Deste xeito, agárdase un importante retorno en venda directa de pezas de Artesanía de Galicia e, sobre todo, no establecemento de colaboracións con chefs e establecementos portugueses, tanto das persoas artesás que asistiron a Lisboa como daquelas que participaron a través das súas pezas para os showcookings.

ree

Centrado no proxecto pioneiro Artesanía no Prato, que busca sinerxías entre a artesanía e a gastronomía, o evento combinou mostras de cociña, encontros profesionais e actividades divulgativas. O obxectivo é impulsar a promoción e a comercialización da gastronomía, do produto e da artesanía de Galicia en Portugal consolidando os vínculos entre os dous territorios. No evento participaron seis cociñeiros galegos —Javier Olleros (Culler de Pau, O Grove), Jorge Gago (A Maceta, Santiago de Compostela), Héctor López (Restaurante España, Lugo), Lucía Freitas (A Tafona, Santiago), Pablo Morales (Habaziro Concept, A Coruña) e Pepe Solla (Casa Solla, Poio)—, o chef portugués Henrique Sá Pessoa (Alma, Lisboa), e as ceramistas Ana Tenorio, do taller Wichtneeds (Vigo), e Laura Delgado (Cambre), ambas gañadoras do Premio Artesanía de Galicia en 2018 e 2022, respectivamente.


Nas demostracións e degustacións empregáronse produtos de calidade e marcas galegas, cuxos soportes foron pezas de cerámica, olería, madeira e coiro elaboradas por 14 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia: os de Buño (Malpica de Bergantiños) Alberto Lista e Alfarería Rulo, os de Vigo Ana Tenorio e Ojea Studio, os de Santiago Degerónimo e Sangiovanni Lorenzo, Atalanta Madera (A Estrada), Cunqueiro (Palas de Rei), Carballo Estrela (Pontevedra), Celso Ferreiro (A Fonsagrada), Eferro (Vila de Cruces), Raposiñas (A Pobra do Caramiñal) e Susana Anta (A Coruña).


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

No evento tamén se presentou o libro Artesanía no Prato, reeditado este ano e que amosa un percorrido polo proxecto homónimo desde o seu inicio no 2013. Nesta publicación —editada en galego, en castelán e en inglés, con textos de Macarena Navarro-Reverter— inclúense unha escolma de fotografías de Stephane Lutier nas que se amosan pezas de 33 obradoiros de Artesanía de Galicia e menús de 15 restaurantes galegos. 


A maiores, tivo lugar unha cata de queixos premiados nas Catas de Queixos de Galicia e a presentación do destino Galicia ante prescritores e profesionais do sector turístico portugués.


PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Artesanía no Prato

Con Artesanía no Prato conséguese unir e enxalzar dous ámbitos ligados ao territorio e á produción local, mellorando a experiencia sensorial da persoa consumidora e engadindo singularidade. A través da gastronomía, Artesanía de Galicia logra chegar a públicos que aprecian a autenticidade das pezas e dos menús, mentres que os cociñeiros logran que o deseño dos soportes artesanais se axusten ao que queren expresar en cada prato. O proxecto xa supón que máis de 50 obradoiros artesanais están traballando con chefs galegos, nacionais (País Vasco, Cataluña, Comunidade de Madrid, Andalucía e Comunidade Valenciana) e internacionais a raíz deste proxecto, así como con grandes empresas distribuidoras de enxoval para hostalería.


Cómpre sinalar que as persoas artesás que se suman á iniciativa fóronse especializando en moitos casos nesta liña de traballo. Cabe engadir que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 inclúe no seu segundo eixe, para a dinamización e visibilidade do comercio, unha medida para impulsar o posicionamento da marca Artesanía de Galicia, apoiando a comercialización de produtos artesanais en feiras profesionais e de venda directa e organizando e colaborando en eventos de comercialización, mercados e outras fórmulas de posicionamento.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page