O BNG urxe un plan para o pequeno comercio de Lalín logo da sangría de peches no 2025
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 3 Min. de lectura
Mari Fernández critica a “falta de atención” do PP a un sector fundamental para a economía lalinense
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín considera "alarmante e urxente o desenvolvemento por parte do goberno municipal dun plan serio de futuro e baseado en datos para o pequeno comercio local". A responsable local, Mari Fernández Sanmartín vén de alertar diante dos datos feitos públicos pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) que falan entre decembro de 2024 e outubro de 2025 do peche de 38 comercios locais en Lalín. Para o BNG, "o feito de que Lalín estea entre os 3 concellos de toda Galiza con máis comercios pechados nestes meses -xunto cos concellos de Narón e Marín- urxe políticas municipais serias que aposten por un dos motores máis importantes da economía lalinense, o noso comercio”.

Segundo os datos feitos públicos por UPTA relativos a toda Galiza, Lalín é un dos tres
concellos do país onde máis peches de comercio local se produciron desde fai un ano.
As cifras elaboradas por UPTA colocan tamén a Lalín na cabeza de perda de comercio
local na Comarca do Deza. Para Mari Fernández “o balance ten que facer mudar as
políticas de falta de atención e abandono que o goberno do PP leva anos aplicando en
Lalín”, ademais Fernández Sanmartín insta a Crespo a procurar “un escenario de análise
e medidas” a nivel da Mancomunidade do Deza, na que o concello de Lalín “tería que
ser punta de lanza na protección da economía de todos os concellos da comarca”.
Plan de futuro para o comercio local lalinense
Desde o BNG de Lalín os datos ofrecidos pola UPTA son “moi preocupantes e ao mesmo tempo reflexo dunha realidade que todos menos o goberno do PP de Lalín levamos meses vendo nas rúas”. A responsable local -que fai parte do comercio lalinense- critica que o goberno de Crespo “leva anos facendo ouvidos xordos ás demandas do sector do comercio, e fiando o seu futuro ás políticas erráticas da Xunta de Galiza na materia”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fernández Sanmartín lémbralle a Crespo que “non ter competencias directas non significa ser un irresponsable”, e advirte que son moitas as voces de alarma que desde o sector do comercio local “teñen chegado ao BNG nos últimos tempos, e que temos trasladado ao Concello sen resposta algunha”.
Agora, apunta, cos “demoledores datos sobre a mesa que colocan a Lalín entre os tres
concellos nos que máis comercios baixaron as persianas no último ano", o BNG agarda
“un pouco de autocrítica do PP lalinense, e vontade para sentarse, analizar os datos,
falar con todos os actores implicados e remangarse para botar unha man”.
Publicidade
“Non vale mirar cara outro lado e agardar que familias enteiras vivan do que facturan coas Aldeas de Nadal ou a Feira do Cocido”, afirma Fernández Sanmartín. Desde o BNG advirten ao goberno do PP que “os datos están aí, son públicos e as demandas dos
autónomos tamén”. Segundo os datos da UPTA hai un 30% dos autónomos de Galicia
que din que declaran rendementos de traballo por debaixo dos 700 euros ao mes, a
responsable nacionalista en Lalín advirte que “isto é ter autónomos pobres” e demanda
que “a administración máis achegada ao terreo, o concello, tome medidas polo menos
para dimensionar o problema e contribuír cun plan de futuro sobre o terreo para estes
miles de veciñas e veciños de Lalín”.
Publicidade
Desde o BNG de Lalín explican que “son moitos os comerciantes locais que se teñen posto en contacto con nós para advertirnos da súa dramática situación e reclamarnos, como responsables locais instar ao Concello a tomar medidas”. Mari Fernández
Sanmartín lembra que nos últimos anos o BNG ten presentado numerosas propostas e
iniciativas a nivel local para atender a un sector que “é fundamental” para a economía e
o futuro de Lalín. “Seguiremos a insistir, seguiremos presentando propostas en positivo
porque estamos convencidos de que o Concello de Lalín ten moito que facer por diante
para apoiar ao comercio local”. Asegura Fernández Sanmartín que “por
responsabilidade e polo compromiso contrastado do BNG co noso comercio local non
imos deixar que peche un comercio máis en Lalín sen sinalar aos responsables locais
para que dunha vez por todas dean un paso á fronte”




