O BNG urxe á Xunta o proxecto e orzamento para a reforma do CEIP Nosa Señora da Piedade de Cruces
Esixe que concrete as solucións que se van tomar evitando que o alumnado máis novo teña que convivir un ano máis con humidades e pingueiras despois do incumprimento das promesas feitas no pasado mes de marzo
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar iniciativas no Parlamento de Galicia
para esixir á Xunta unha solución definitiva e inmediata ante as graves carencias estruturais que arrastra o CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade, no concello de Vila de Cruces. A formación nacionalista, a través da deputada Ariadna Fernández, cualifica a situación de "irresponsabilidade e carente de planificación por parte da Consellería, que iniciou o curso escolar 2026-2027 sen ofrecer alternativas, malia ser un problema crónico e reiteradamente denunciado pola comunidade educativa, as familias e a ANPA”.

Esta inacción, apunta o Bloque, "considérase especialmente grave este ano debido ao incremento do número de aulas de Educación Infantil aprobadas para o presente curso, o que facía máis urxente ca nunca a dotación de espazos suficientes, axeitados e seguros. Coa chegada do outono e a época de choivas, as crianzas de menor idade vense obrigadas a convivir de novo con humidades e pingueiras", unha situación que o portavoz do BNG de Vila de Cruces Álex Fiúza tacha de "incompatible coas condicións dignas dun centro público e arriscada para a saúde dos menores”.
PUBLICIDADE
Fiúza lembra que o pasado mes de marzo de 2026 “a propia Consellería de Educación
recoñeceu publicamente a necesidade de intervir e anunciou que analizaría dúas alternativas: a ampliación do edificio de Primaria ou unha reforma integral do edificio de Infantil”. Porén, co curso xa avanzado, as familias continúan sen coñecer a opción escollida, o orzamento consignado ou o calendario de execución. "As familias de Vila de Cruces e o rural galego non poden seguir agardando por promesas que se dilatan nos despachos mentres as aulas se deterioran diariamente", engade.
PUBLICIDADE
A ofensiva parlamentar rexistrada por Fernández na pasada semana, esixe que a Xunta de
Galicia asuma as súas competencias de forma inmediata e cese o intercambio de responsabilidades ou as escusas de falta de diálogo co Goberno municipal, onde “nin uns nin outros actúan” aclara.
Fiúza ao respecto, que xa levou a debate no concello a necesidade de que o goberno local solicitase á Xunta a mellora do centro sen resultado.









Comentarios