top of page

O BNG: "Taboada fracciona traballos para bordear a lei e poder asignar obras aos seus familiares"

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O BNG de Vila de Cruces insiste "no oscurantismo e total falta de transparencia en canto aos informes de necesidade ou propostas de gasto e ao abuso dos contratos menores sobre facturas" neste concello. Así mesmo, é contudente e acusa ao rexedor, Luis Taboada, "de fraccionar traballos para bordear a lei e poder asignar obras aos seus familiares".


Con respecto á actividade hípica suspendida no campo de fútbol de Piloño, como xa indicaba este partido nun comunicado previo, asegura que "aparecía un gasto de 2.458,82 euros pola limpeza e desbroce das instalacións realizado no mes de xullo, cuxa proposta de gasto foi presentada a mediados de setembro, pero por ningún lado aparece o orzamento. Mais isto non se queda aquí, unha nova factura de 889,35 euros é presentada no mes de novembro pola mesma empresa familiar para o mantemento das instalacións", sinala.


Desta maneira, subliña que se presentan dúas facturas para un mesmo fin, que é a limpeza e mantemento do campo de fútbol de Piloño, "que no caso de se xestionar como é debido estas instalacións, o seu debería ser sacar un contrato para a limpeza e mantemento, prolongado no tempo, co fin de poder realizar calquera tipo de actividade en ditas instalacións".


Ante isto o partido nacionalista acusa ao alcalde. "O método do señor Taboada é claro, bordeando a lei de contratos, traballa sobre obras pequenas que non superan os 3.000 euros para poder asignalas a dedo, neste caso a familiares e achegados, en lugar de aplicar un exercicio de transparencia absoluta, e facer concurso aberto a todas as empresas interesadas. Mais o que non podemos permitir dende o BNG, é que o goberno siga a cometer un fraude na desagregación de contratos menores, que pode ter graves consecuencias para o noso concello se se siguen informando de xeito desfavorable". E recalca que "non son tempos de caciquismo, e a transparencia e igualdade de oportunidades para todas as empresas, debería ser a liña a seguir dun goberno que agora tería que dirixir o BNG, mais xa imos entendendo o porque Luis Taboada nunca tivo intención de cumplir co acordo de 2 e 2 anos de Alcaldía".

Resposta ao PP sobre as empresas relacionadas co asesor de comunicación

Por outra banda, sinala que "con respecto ás facturas que están a aparecer do conglomerado de empresas relacionadas co asesor de comunicación podo asegurarlle ao portavoz do PP que nos sumamos totalmente a denunciar esta situación, xa que o alcalde Luis Taboada sempre presumíu de ser un alcalde que non cobraba (xa que ten a súa pensión), e que sería un aforro para o concello en canto a gastos de membros do goberno. Mais os gastos que está a ocasionar para as arcas municipais en canto asesores de comunicación, xurídicos e empresas asociadas ou relacionadas co asesor de comunicación, xunto cos salarios dos concelleiros Julio López e Mireya Otero, que lle aprobou o propio PP, case se achegan aos gastos do anterior goberno do Partido Popular". E ante a denuncia dos populares confesa que "sorpréndenos e alégranos que o PP descubrira a outra cara da moeda dende que está na oposición. Agora é quen de denunciar unha práctica que leva instaurada en Vila de Cruces dende tempos inmemoriables, e que o BNG sempre denunciou. No seu momento o trato de favor do exalcalde Otero ao actual alcalde Taboada e aplaudimos a valentía de denunciar estas mesmas prácticas entre Taboada e o seu asesor de Comunicación".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page