O BNG subliña que a tarifa de 6,40 € entre Lalín e Santiago pola AP-53 é "discriminatoria e abusiva"
- ecosdacomarca

- 15 ene 2023
- 3 Min. de lectura
"Crespo trata de utilizar partidistamente a indignación pola suba desta cando sempre acatou submisamente as decisións do PP que son os responsables desta situación", sinala
Ecos da Comarca/Deza
O BNG considera que a tarifa de 6,40 euros entre Lalín e Santiago pola AP-53 é "discriminatoria, abusiva e indicente". E culpa ao alcalde lalinense, José Crespo, de "tratar de utilizar partidistamente a indignación pola suba desta cando sempre acatou submisamente as decisións do PP que son os responsables desta situación".
Para o BNG o custo deste tramo é "absolutamente desproporcionado" e recorda que "mentres noutros territorios do Estado, principalmente Madrid, o goberno rescata ate oito tramos de autoestradas das radiais da capital, de iniciativa privada, e que pasamos a pagar todos, na AP-53 o custo, máis que agravado, recae nos usuarios".

"Analizando a traxectoria do P.P. sobre a xestión das autoestradas de Galiza, non é serio que agora do señor Crespo desde a alcaldía de Lalín pretenda abandeirar a causa contra esta estafa das abusivas tarifas. Trata o señor Crespo de buscar o apoio dos sectores máis directamente prexudicados, aos que trata de sumar a súa causa partidista. Os prexudicados son sectores que terán un lastre máis na súa actividade económica e consecuentemente prexudicará a todos os veciños da comarca", recalca.
E sinala que "sobran argumentos para a indignación e oposición radical a este atraco. Pero a señor Crespo debe facer memoria sobre a posición do seu partido cando goberna en Madrid. Deber recorda que Aznar prorrogou a concesión da Autoestrada do Atlántico -cando estaba remata a concesión- a unha empresa ate o 2048, e que rexeitou as proposta do BNG sobre o transferencia tanto da autoestrada do Atlántico como da AP-53 á Xunta de Galiza, tal como agora manifesta que sería o oportuno. Certo é que en canto ao rescate de
autoestradas en Galiza para que sexan de carácter público e gratuíto, como en moitos outros territorios do Estado, non hai gran diferencia entre PP e PSOE-UP".
Erro de facer comparativas
E insiste en que "mais non podemos caer no erro de facer comparativas con outras autoestradas como se a AP-53 estivera nas mesmas condicións. Lembrar que é a única vía de cobro que non ten rebaixa para os usuarios habituais, que no seu día a Xunta aportou 60 millóns de euros para a súa construción cando non é da súa competencia, ou como non facer especial fincapé no que se ven comprobando nos últimos anos, principalmente no treito da autoestrada que comunica Santiago e Lalín, que a circulación por esta vía de alta capacidade en días chuviosos encerra unha perigosidade que debe de ser resolta con urxencia. En xornadas de chuvia, máis ou menos cuantiosa, o carril dereito da marcha en ambos sentidos non é capaz de drenar correctamente a auga, polo que se forman importantes acumulacións e pozas que dificultan a circulación e poñen en perigo os condutores. É por iso polo que en días chuviosos resulta habitual comprobar como os vehículos circulan polo carril esquerdo para evitar a auga e a perigosidade do denominado “aquaplanning”, ocupando deste xeito un espazo reservado para adiantamentos".
Ademais, subliña que "circular polo carril dereito cando está anegado detrás doutro coche tamén dificulta seriamente a visibilidade debido á auga que libera o coche precedente, o que constitúe outro claro factor de risco para que se produza un accidente. Son moitos os usuarios que veñen demandando unha solución a esta cuestión sen que polo de agora se tomaran medidas por parte das administracións competentes para acabar coa problemática nunha estrada que é de pago, cunhas tarifas excepcionalmente elevadas, e na que, polo tanto, a seguridade debería estar totalmente garantida. Resumo: pagamos unha cifra indecente por un servizo que nin se presta nas condicións esixidas".
Así mesmo, insiste en que "o señor Crespo solicita agora que AP 53 teña a mesma bonificación que a aplicada na AP 9. O que non explica Crespo é que esta bonifación foi resultado da acción política do BNG no Congreso dos Deputados, que cun só deputado conseguíu máis que todos os do PP e PSOE en décadas. Tamén tería que explicar Crespo a medida do BNG era o inicio do camiño para acadar o rescate das autoestradas galegas".
Ante todo isto, o BNG promete que vai traballar en beneficio dos veciños e dos sectores produtivo da comarca. "A redución das tarifas na AP-53 será positivas para a a comarca e para toda Galiza, xa que gran parte do tráfico con destino ou saída na Galiza central vai por esta vía, e se non o fai é pola súa exorbitada tarifa. Pero o BNG traballa con seriedade e con obxectivos claros. E o obxectivo é o rescate e gratuidade deste tramo. Se o señor Crespo se apunta benvido sexa!".







Comentarios