O BNG sinala que Silleda "leva máis de 2 anos sen comunicar análises completa da auga ao Sinac"
- ecosdacomarca

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG alerta de que, segundo a información publicada na web do Sistema de Información Nacional de Aguas de Consumo (SINAC), dependente do Ministerio de Sanidade, "o Concello de Silleda non comunicou ningunha análise completa da auga da rede de abastecemento do casco urbano de Silleda desde decembro de 2023. No caso da rede da Bandeira, si comunicou unha en xullo de 2025, pero ningunha en 2024".
Así, no caso da rede do casco urbano de Silleda, desde decembro de 2023 figuran unicamente análises de control, moito máis sinxelas e que avalían un número reducido
de parámetros, pero non constan análises completas, que son as que permiten
comprobar de maneira exhaustiva se a auga cumpre con todos os criterios sanitarios
esixidos pola normativa vixente.

A normativa estatal establece que nas zonas de abastecemento cun consumo medio
superior aos 100 metros cúbicos diarios, como é o caso das vilas de Silleda e A
Bandeira, é obrigatorio realizar polo menos dúas análises completas ao ano.
Ademais, o incumprimento desta obriga está tipificado como infracción e pode supoñer
sancións económicas de ata 3.000 euros.
A portavoz do BNG de Silleda, Erea Rey, subliña que “estas analíticas completas non son un trámite administrativo, son unha garantía básica de que a auga que bebemos cumpre todos os criterios de calidade”. Rey lembra que “estamos a falar dun asunto directamente relacionado coa saúde pública, polo que a cidadanía ten dereito a coñecer con transparencia se se están facendo os controis completos que marca a lei e cales son os seus resultados”.
PUBLICIDADE
Desde o BNG consideran especialmente preocupante que, existindo unha ferramenta pública como o SINAC precisamente para garantir a transparencia e o acceso á información, non consten para a vila de Silleda datos completos dos anos 2024 nin 2025, cando esa información, se se fixeron as análises, debería estar dispoñible para a veciñanza e para as autoridades sanitarias.
Por todo iso, o Bloque esixe ao Goberno municipal que aclare publicamente se se realizaran análises completas da auga na rede do casco urbano de Silleda en 2024 e
2025, en que datas se fixeron e cales foron os resultados obtidos. Ademais, reclaman que o Concello actualice de inmediato a información no SINAC e garanta que se está a cumprir de maneira estrita coa normativa vixente en materia de control da calidade da auga.
PUBLICIDADE
“A auga é un servizo esencial e a súa calidade non pode quedar na sombra nin depender de análises parciais. A transparencia e o coidado da saúde da veciñanza teñen que ser unha prioridade real, non só no discurso”, conclúe Erea Rey.








Comentarios