O BNG require "seriedade fronte aos anuncios resesos do punto de encontro familiar de Lalín"
- ecosdacomarca

- hace 7 minutos
- 2 Min. de lectura
Recalca que a apertura continúa a adiarse, "con promesas que levan anos incumpríndose e que agora se anuncia para esta primavera cando o compromiso era que estivese prestando servizo no 2023"
Ecos da Comarca/Lalín
A deputada nacionalista Ariadna Fernández lembra con certo escepticismo as iniciativas presentadas polo BNG ao respecto do atraso do Punto de Enconro Familiar (PEF) de Lalín hai dous anos, no 2024, sen que tivesen ningún tipo de efecto ditas reclamacións para que se cumprisen cos prazos prometidos. “Pouco importa que cada ano a Consellería de Política Social anuncie servizos e melloras se logo quedan no papel, aínda que iso xa é moi significativo do que representa Lalín e as necesidades do concello e da comarca para a Xunta de Galiza” di Ariadna Fernández lembrando todas as solicitudes que se teñen feito dende o BNG cun voto en contra do PP no Parlamento, entre as que cita o aumento de prazas de escola infantil públicas ou o centro de día e a residencia pública que xa recibiron o non do PP na cámara.

Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

“A fiabilidade cae cando prometes 3 ou 4 veces o mesmo, neste caso o Punto de Encontro Familiar era un anuncio feito no 2022 e que supostamente estaría en funcionamento no 2023, mais 3 anos despois aínda non abriu e, sendo realistas, non cremos as palabras nin da Conselleira nin do goberno de Lalín” declara Fernández.
Publicidade
Ademais, engade para xustificar a falla de credibilidade no goberno local “votaron en contra de ter prazas de escola infantil públicas no concello e no Parlamento, defendendo a iniciativa privada fervorosamente, mesmo chegando a ridiculizar a nosa insistencia en que son precisas e que non temos garantido o servizo para todos os usuarios e agora van pedilas” engade facendo fincapé na "pouca seriedade do goberno, que a quen prexudica e á veciñanza".
Publicidade
O Bloque anuncia que se volverán rexistrar iniciativas ao respecto do Punto de Encontro Familiar, nun intento de que Política Social “fale claro e deixe de esgrimir anuncios baleiros que logo non se levan a cabo e que o único que fan é amosar a pouca capacidade do goberno de Lalín para facerse respectar e beneficiar aos veciños e veciñas coas súas xestións”.
NOTICIA RELACIONADA:
Fabiola García avanza que a Xunta ultima a apertura do punto de encontro familiar do Deza en Lalín: https://www.ecosdacomarca.com/post/fabiola-garc%C3%ADa-avanza-que-a-xunta-ultima-a-apertura-do-punto-de-encontro-familiar-do-deza-en-lal%C3%ADn








Comentarios