top of page

O BNG reclama reforzar a atención primaria en Deza e Tabeirós tras a sentenza pola morte dun paciente

27 sept
2 min de lectura

Ecos da Comarca/Deza

O Grupo Parlamentar do BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para reclamar á Xunta un reforzo inmediato dos cadros de persoal dos centros de saúde e dos PAC das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

A iniciativa, asinada polas deputadas Ariadna Fernández González, Iria Carreira Pazos e Montserrat Prado Cores, chega despois da recente resolución xudicial que condena o Servizo Galego de Saúde pola morte dun paciente no PAC da Estrada en agosto de 2018. A sentenza recoñece unha “perda de oportunidade” para o doente e sinala deficiencias na atención recibida, ao falecer sen chegar a ser atendido por un médico. A familia recibirá unha indemnización de 300.000 euros.


Segundo lembra o BNG, no momento dos feitos un dos facultativos non se presentou á quenda de garda ao aceptar cubrir un reforzo en Vilagarcía, mentres que o outro se atopaba atendendo unha urxencia fóra do PAC cando chegou o paciente.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Os nacionalistas consideran que a resolución xudicial volve poñer sobre a mesa as carencias de persoal na sanidade pública e advirten de que “esta problemática non se limita ao caso da Estrada”. No documento presentado ante o Parlamento sinalan dificultades para cubrir prazas de medicina de familia, especialistas e persoal sanitario en distintos puntos de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.


En concreto, mencionan as dificultades de cobertura e a sobrecarga asistencial denunciadas en Lalín e Silleda, así como a redución de prestacións e as carencias de atención pediátrica en determinadas quendas nos centros de saúde de Agolada, Rodeiro e Dozón. Tamén aluden ás deficiencias existentes no centro de saúde de Vila de Cruces, que foron trasladadas recentemente ao Parlamento.


A iniciativa do BNG incorpora ademais outro caso xudicial relacionado coa asistencia sanitaria en Lalín, favorable á familia dun paciente falecido. Segundo expón a formación, naquela resolución puxéronse de manifesto eivas na valoración do doente e unha prolongada espera antes do seu regreso ao domicilio, para posteriormente regresar ao centro de saúde e falecer por un infarto.


Seis medidas para reforzar a sanidade

Ante esta situación, o BNG insta a Xunta a adoptar seis medidas. Entre elas figura o reforzo inmediato dos cadros de persoal dos centros de saúde e PAC do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, así como garantir a cobertura efectiva de vacantes, baixas, permisos e ausencias.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Tamén reclama que os PAC conten con persoal médico suficiente para evitar que ningún paciente quede sen valoración médica cando precise atención sanitaria.


A proposición inclúe especificamente os centros de saúde de Lalín, Silleda, A Estrada, Forcarei, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón, nos que pide reforzar a atención primaria atendendo ás necesidades de cada zona.


O BNG reclama igualmente garantir as quendas e servizos de pediatría correspondentes nos centros de saúde da comarca e que a Xunta dea conta no Parlamento das medidas adoptadas e dos novos recursos humanos incorporados aos centros de saúde e PAC, con especial atención ao caso da Estrada.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page