top of page

O BNG reclama que Lalín sexa declarado zona tensionada polo problema da vivenda

hace 2 horas
5 min de lectura

Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín insta ao goberno local a iniciar o expediente para solicitar á Xunta a declaración de Lalín como zona de mercado residencial tensionado, ante o incremento do 54,4 % dos prezos do alugueiro nos últimos seis anos e a existencia de máis de 3.500 vivendas baleiras no municipio. A formación tamén propón crear un grupo de traballo para reunir datos e documentación que permitan tramitar a solicitude por vía de urxencia. Levará ao vindeiro pleno unha moción para abordar esta problemática.


"O Concello de Lalín ten un grave problema no seu mercado de vivenda. Desde o BNG vimos advertindo nos últimos tempos dunha “emerxencia habitacional” avalada con datos oficiais arredor da oferta de vivendas en alugueiro, o prezo dos mesmos, a porcentaxe que supoñen sobre a renda das familias lalinenses e os problemas que todas as persoas que queren vivir en Lalín están atopando para conseguir un teito sobre o que asentar o seu proxecto persoal ou familiar", recalca.

E insiste en que os datos son públicos, oficiais e alarmantes "e a propia veciñanza leva anos trasladándonos os problemas que a vivenda representan no seu día a día e na súa

economía familiar". O BNG ten visualizado estes datos reiteradamente á opinión pública e ao pleno do Concello de Lalín, "mais neste tempo en que o problema da vivenda non fixo máis que agudizarse no noso concello, non tivemos máis resposta ou movemento por parte do goberno local que a cesión de dúas parcelas municipais para que a Xunta de Galicia constrúa 32 Vivendas de Promoción Pública (VPP)". O BNG saúda todas as iniciativas de todas as administracións que redunden en beneficio da veciñanza, "mais consideramos que se pode e se debe facer moito máis diante dun problema que é xa unha das principais preocupacións no día a día das nosas veciñas e veciños e que require con urxencia que todas as administracións actúen dentro das súas competencias".


As cifras oficiais, apunta, "arroxan luz sobre a problemática real que vive o noso concello

arredor da vivenda. A media dos prezos de alugueiro en Lalín é de 455,5 euros mensuais, un 54,4% máis que fai 6 anos. Segundo os datos do Observatorio da Vivenda en Lalín custa 160,6 euros máis ao mes alugar unha vivenda que no ano 2020. Os alugueiros en Lalín pasaron de 294,9 euros mensuais de media no ano 2020 aos 455,5 euros mensuais actuais".


Tendo en conta que Lalín, sinala, "é un dos concellos de Galiza cunha das rendas medias por fogar máis baixas do país (27.000 euros anuais por fogar, 10.318 euros de renda neta anual por persoa) segundo os últimos datos do IGE e a Axencia Tributaria. Con estes datos, o Sistema Estatal de Referencia do Prezo do Aluguer de Vivenda do Ministerio de Vivenda advirte de que a unha persoa con ingresos mensuais arredor dos 1.200 euros alugar unha vivenda en Lalín lévalle o 25% do seu salario mensual. A cifra que xa é alarmante, convértese en dramática no caso das familias e persoas vulnerables, pensionistas e preceptores dunha renda de integración social, para os que o Ministerio estima nun 42,8% o esforzo preciso para pagar un alugueiro no noso concello".


Para facer fronte a esta emerxencia, salienta que o parque de vivenda de Lalín non é o axeitado. "Segundo os datos oficiais do INE 2024-2025 entre o 28 e o 36% do parque

inmobiliario de Lalín son vivendas baleiras. Isto supón máis de 3.500 vivendas pechadas e fóra do mercado de vivenda. Segundo os datos 2025 da Dirección Xeral do Catastro en Lalín hai “grandes propietarios de vivenda”, en concreto 46 persoas que son titulares de máis de 5 inmobles, 41 persoas que teñen até 10 fogares ao seu nome, 4 que son titulares de 25 inmobles e 1 persoa que é propietaria de 100 inmobles".


O BNG de Lalín ten presentado xa no concello iniciativas arredor de medidas que o concello podería tomar ao amparo da Lei de Vivenda 12/2023 Esta lei aprobada en maio de 2023 nas Cortes Xerais do Estado español habilita aos concellos para tomar medidas que revirtan o problema da vivenda nos municipios propiciando a posta no mercado destas vivendas baleiras, como a aplicación dun recargo no IBI aos propietarios deste tipo de inmobles que non os poñan en alugueiro no mercado.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

"Mais o fundamental para beneficiarse da normativa en vigor no Estado español e agora tamén do regulamento anunciado pola Comisión Europea, e pendente de tramitación para aprobar medidas a nivel estatal, autonómico e local para todos os Estados membros da UE, é ser declarada “zona tensionada”. Diante da posta en marcha da Lei de Vivenda, nos anos 2021, 2022 e 2023 o Observatorio da Vivenda de Galicia analizou o estado do parque de vivenda en todos os concellos de Galiza. Nese estudo, o Observatorio inclúe a Lalín como “zona tensionada” no que ten a ver co índice de alugueiro de vivenda sobre o IPC".


A variación do prezo da vivenda entre 2017 e 2021 en Lalín -segundo os datos do

Ministerio de Vivenda recollidos polo Observatorio da Xunta e segundo apunta o Bloque- "falan dun aumento do 11,4%, dun número de vivendas en alugueiro de 3.275 e cunha variación sobre o IPC dun 3,8%. Con estes datos o Observatorio da Vivenda de Galicia considera que Lalín cumpría un dos criterios para ser declarado “zona tensionada” entre 92 concellos de todo o país coa mesma problemática. No ano 2022 o Observatorio da Vivenda volveu facer seguimento dos datos, e nese caso a variación do prezo da vivenda entre 2018 e 2022 chegaba xa en Lalín ao 20,6% e a variación sobre o IPC acadaba o 6,1%. Un ano despois da primeira análise Lalín aumentaba así as razóns para ser “zona tensionada” e mesmo na comparativa dos anos 2020, 2021 e 2022 do Observatorio da Vivenda Lalín aparece entre os 44 concellos de Galiza que levaba “tres anos tensionado”".


Desde entón, lamenta, "os datos non fixeron máis que empeorar, e a situación da vivenda no noso concello require de políticas e políticos valentes e responsables que recoñezan

o problema e tomen medidas urxentes. Os concellos de Santiago e A Coruña teñen tramitado diante da Xunta e recoñecida a súa condición de “zona tensionada” do mercado da vivenda. Isto permite que se beneficien de medidas e recursos económicos do Estado español para poñer en marcha políticas urxentes en materia de vivenda. Cando o Parlamento e o Consello Europeo dean o visto bo ao Regulamento de Vivenda Asequible tamén haberá fondos e medidas desde Bruxelas para afrontar este problema, pero só poderán beneficiarse delas as “zonas tensionadas”".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG insta ao Pleno de

Lalín á adopción do seguinte


ACORDO:

1. Instar ao goberno local de Lalín a comezar o inicio do expediente para reclamar diante da Xunta de Galicia "a declaración do noso concello como “zona tensionada” pola situación do mercado da vivenda a nivel local, verificable con todos os datos oficiais que vimos de aportar".

2. Poñer en marcha desde o Concello de Lalín un grupo de traballo que colabore na aportación de datos e consulte tamén a colectivos veciñais para aportar documentación no expediente a remitir á Xunta de Galicia para que esa declaración de “zona tensionada” "para o noso concello se leve a cabo pola vía de “urxencia” de xeito que Lalín poda comezar a beneficiarse das medidas e regulamentos que no Estado español e na Unión Europea se poñan en marcha".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page