Os obradoiros de memoria do programa Voluntariado +65 arrancan con gran acollida en Silleda
As sesións, impartidas pola voluntaria Consuelo Moreira, comezaron en Escuadro e Cortegada e chegarán tamén desde este luns a Cira e Lamela
Laura Moure/Silleda
Os obradoiros de memoria promovidos polo Concello de Silleda no marco do programa Voluntariado+65 comezaron o pasado venres en Escuadro e Cortegada cunha gran acollida por parte da veciñanza. As sesións son impartidas por Consuelo Moreira, mestra xubilada e voluntaria do Concello, que será a encargada de desenvolver esta actividade ao longo dos vindeiros meses.

Os obradoiros continuarán ata o mes de maio, cunha programación semanal en catro parroquias. Os venres celebraranse no Centro Social de Escuadro, de 17:00 a 18:00 horas, e no Centro Social de Cortegada, de 18:30 a 19:30 horas. A partir deste luns 19 de outubro, a actividade comezará tamén en Cira, de 17:00 a 18:00 horas, e en Lamela, de 18:30 a 19:30 horas.
As sesións son totalmente gratuítas e están abertas a toda a veciñanza interesada, sen necesidade de ter participado desde o inicio. A proposta inclúe exercicios e dinámicas para traballar aspectos como a memoria, a atención, a concentración, a linguaxe ou o razoamento, ao tempo que se fomenta a socialización e a participación comunitaria.
Desde o Concello, a concelleira de Medio Rural, Asunción García, agradeceu durante a estrea do curso en Escuadro, a implicación de Consuelo Moreira, que vén de sumarse ao programa de voluntariado municipal.
PUBLICIDADE
Voluntariado+65, experiencia ao servizo da comunidade
Os obradoiros de memoria constitúen unha das primeiras accións do programa municipal Voluntariado+65, impulsado polo Concello de Silleda para fomentar a participación activa das persoas xubiladas e poñer en valor os seus coñecementos, capacidades e experiencia.
A iniciativa parte da idea de que as persoas maiores poden seguir desempeñando un papel moi activo na vida social do municipio, compartindo saberes e contribuíndo á dinamización das parroquias e contará con máis actividades nas vindeiras semanas.
PUBLICIDADE
O programa está ademais ligado á Rede Silleda Dinamiza, coa que o Concello
pretende levar novas propostas sociais, formativas e comunitarias aos distintos núcleos do rural, favorecendo a utilización dos centros sociais e outros equipamentos como espazos vivos de encontro e participación. “Con Voluntariado+65 queremos abrir unha vía para todas aquelas persoas xubiladas que teñen experiencia, coñecementos e, sobre todo, ganas de seguir contribuíndo á súa comunidade. O inicio destes obradoiros demostra que
existe interese tanto por participar como por compartir”, destacan desde o goberno municipal.
O Concello continuará ampliando progresivamente este programa nas parroquias con novas propostas e coa incorporación de persoas voluntarias procedentes de distintos ámbitos profesionais e de coñecemento.









Comentarios