top of page

Lalín aproba as bases do compromiso de calidade do Mes do Cocido así como dos postos para a LIX Feira

hace 5 minutos
4 min de lectura

Laura Moure/Lalín

O Concello de Lalín vén de aprobar as bases que regularán o compromiso de calidade do Mes do Cocido e a concesión de autorizacións para a instalación de postos comerciais durante a LIX edición da Feira do Cocido, que terá lugar o domingo 31 de xaneiro de 2027. A aprobación destes dous procedementos, impulsados desde a Concellería de Turismo, supón un novo paso na preparación desta destacada cita gastronómica Galicia, Festa de Interese Turístico Internacional, e permitirá avanzar na participación do tecido empresarial e na organización do mercado tradicional que acompaña cada ano a celebración.


Compromiso de Calidade do Mes do Cocido

Así por unha parte a xunta de goberno local vén de aprobar as bases para concertar convenios de colaboración empresarial destinados ao desenvolvemento do compromiso de calidade do Mes do Cocido, que se celebrará entre o 15 de xaneiro e o 14 de febreiro de 2027.

Esta iniciativa busca fomentar a colaboración público-privada, contribuír ao financiamento e promoción da festa e garantir uns estándares de calidade nos establecementos e empresas vinculados á gastronomía local, especialmente restaurantes, carnicerías, produtores de embutidos, queixos, mel, doces, pan e outros produtos relacionados co cocido.


As bases contemplan un máximo de 100 empresas colaboradoras, que poderán participar mediante unha achega económica mínima de 100 euros, con posibilidade de presentar ofertas superiores. A selección realizarase atendendo á maior achega económica ofertada. Como contrapartida, o Concello difundirá a participación das empresas seleccionadas nos materiais promocionais do evento, entre eles o programa de man da Feira do Cocido e os dípticos do Mes do Cocido. Ademais, recibirán un distintivo que as identificará como entidades colaboradoras co compromiso de calidade.


As empresas adheridas deberán cumprir unha serie de condicións orientadas a garantir a calidade do servizo e dos produtos. No caso dos establecementos hostaleiros, deberán elaborar o cocido seguindo a receita oficial do Cocido de Lalín, empregar produtos de primeira calidade e manter estable durante o Mes do Cocido o prezo anunciado, que incluirá o IVE e o viño de mesa.


Tamén deberán ofrecer a posibilidade de realizar reservas durante este período, sen establecer quendas de comidas, así como garantir unha atención profesional e o cumprimento da normativa sanitaria.


O prazo de presentación de propostas será de 15 días naturais, contados desde o día seguinte á publicación do correspondente anuncio no Perfil do Contratante do Concello de Lalín, que se fará nos próximos días.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Postos no mercado tradicional da Feira do Cocido

Por outra banda, a xunta de goberno local tamén aprobou as bases técnicas e administrativas que regularán a instalación dos postos de venda durante a LIX edición da Feira do Cocido.


O mercado tradicional volverá instalarse no Campo da Feira vello, onde se colocará a correspondente carpa na zona central para favorecer unha distribución ordenada dos espazos e garantir mellores condicións de accesibilidade, comodidade e seguridade.

As bases establecen un máximo de 43 postos interiores, destinados á venda de produtos de alimentación, produtos cárnicos e derivados, produtos frescos da horta, pan, doces, queixos, mel, artesanía e produtos industriais singulares elaborados por pequenos talleres.

A distribución prevista reserva 22 postos para o sector cárnico e alimentario, 13 para produtos industriais e 8 para artesanía. Esta repartición poderá adaptarse en función das solicitudes recibidas e das posibles vacantes, procurando manter unha oferta variada e equilibrada.


O prezo mínimo establecido para os postos interiores será de 67,86 euros, mentres que os postos tradicionais de venda de polbo, que poderán situarse nos emprazamentos habituais autorizados polo Concello, terán unha taxa mínima de 61,56 euros.


A adxudicación dos postos interiores realizarase en función das ofertas económicas presentadas, tendo prioridade as de maior importe respecto do prezo de saída. Cada participante poderá solicitar un máximo de tres postos interiores, sen que a solicitude garanta a súa concesión.


A actividade comercial desenvolverase durante a fin de semana do 30 e 31 de xaneiro de 2027, coincidindo coa celebración da Feira do Cocido.


A concelleira de Turismo, Begoña Blanco, destaca a importancia destes dous procedementos para seguir avanzando na preparación da nova edición da Feira do Cocido e favorecer a implicación dos diferentes sectores económicos.


O Concello incide na relevancia da colaboración dos establecementos hostaleiros, produtores, comerciantes, artesáns e demais empresas que participan na Feira, tanto para manter a calidade da oferta gastronómica como para reforzar a actividade económica que xera este evento.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

As bases e os correspondentes anuncios estarán dispoñibles no Perfil do Contratante e na páxina web municipal, www.lalin.gal, onde as persoas e empresas interesadas poderán consultar os requisitos e a documentación necesaria para participar en cada procedemento.


Preparativos en marcha

Paralelamente, mantense aberto ata o 30 de novembro o prazo de presentación de traballos do XXXIII Premio Nacional de Periodismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, dotado con 5.000 euros e considerado o galardón máis importante do Estado no ámbito da comunicación gastronómica. O certame, organizado polo Concello de Lalín, busca recoñecer o labor de profesionais e estudantes que contribúen á difusión da cultura culinaria.


Así mesmo, o Concello de Lalín vén de iniciar os trámites para a declaración do Cocido Galego como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de Patrimonio Cultural Inmaterial mediante a aprobación dunha moción no Pleno municipal do mes de agosto solicitando á Xunta de Galicia a incoación do expediente, un primeiro paso de cara a poder promover, no futuro, unha candidatura ao recoñecemento como Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page