top of page

O BNG reclama axudas extraordinarias para as explotacións afectadas pola seca en Deza-Tabeirós

22 ago
3 min de lectura

Ecos da Comarca/Deza

O Grupo Parlamentar do BNG levou ao Parlamento galego unha proposición non de lei para reclamar á Xunta unha resposta específica ante os efectos que a seca está a provocar no sector agrogandeiro das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes.

A iniciativa, asinada polas deputadas Ariadna Fernández González, Sonia Vidal Lamas e Montserrat Valcárcel Armesto e polos deputados Secundino Fernández Fernández e Luis Bará Torres, alerta de que a falta de precipitacións acumulada nas últimas semanas, xunto coas elevadas temperaturas, está a deteriorar de maneira importante as condicións produtivas das explotacións.

Segundo sinala o BNG, o problema vai máis alá da falta de auga para o consumo das granxas. A seca está a provocar tamén unha importante escaseza de alimento para o gando e pode comprometer as reservas necesarias para os próximos meses, debido á redución da produción de herba, millo forraxeiro e outros cultivos destinados á alimentación animal.


A formación nacionalista advirte de que algunhas explotacións, especialmente as de carácter extensivo, xa están a recorrer de maneira anticipada ás reservas almacenadas ou se están vendo obrigadas a adquirir forraxes no exterior. Unha situación que, segundo explican, incrementa os custos de produción e reduce as marxes económicas das explotacións.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O BNG considera especialmente preocupante a situación nunha comarca cunha importante presenza de explotacións de vacún de leite e de carne, ao tempo que apunta a que a seca, as altas temperaturas, determinadas pragas e os danos provocados polo xabaril están agravando o estado dos cultivos destinados ao ensilado e á alimentación animal.


A formación nacionalista fala dunha "crise forraxeira de importantes dimensións" que pode ter consecuencias directas sobre a viabilidade económica das explotacións e sobre a continuidade da actividade agrogandeira no territorio.


Cinco medidas reclamadas á Xunta

A proposición non de lei insta o Goberno galego a realizar de maneira inmediata unha avaliación específica dos danos provocados pola seca no sector agrogandeiro do Deza, Tabeirós e Terra de Montes, analizando o impacto sobre prados, pastos, millo e demais cultivos destinados á alimentación animal.


Tamén reclama a elaboración dun mapa das explotacións afectadas, no que se cuantifique a redución da produción de forraxe e as necesidades de alimentación previstas para os próximos meses.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Entre as medidas propostas figura igualmente a creación dunha liña extraordinaria de axudas directas para compensar as perdas de produción e o incremento dos custos derivados da compra de forraxes e alimentos para o gando.


O BNG pide, ademais, axudas específicas para a adquisición e transporte de forraxes, co obxectivo de garantir o abastecemento das explotacións que non conten con reservas suficientes para afrontar os próximos meses.


Finalmente, a iniciativa reclama incrementar os investimentos públicos destinados á creación e mellora de pequenas infraestruturas de almacenamento de auga para uso agrogandeiro, especialmente nas zonas rurais máis vulnerables fronte á seca.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Desde o BNG consideran que a resposta das administracións non debe limitarse a actuar cando a situación xa sexa de emerxencia e defenden avanzar cara a unha maior planificación e adaptación do sector primario ás novas condicións climáticas. A formación sinala que a seca deixou de ser un fenómeno excepcional e se converteu nun risco recorrente que require medidas de prevención e planificación a medio e longo prazo.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page