O BNG propón o Fórum Lalín coma un espazo de formación e emprendemento
- ecosdacomarca

- hace 6 horas
- 2 Min. de lectura
Mari Fernández sinala que “é unha iniciativa que crearía un espazo de encontro” entre as empresas locais e a formación contínua”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín propón a posta en marcha dun ambicioso proxecto, o Fórum Lalín, creando así no concello un espazo de encontro entre o empresariado local, os emprendedores, a formación continua e o I+D+i. Trataríase dunha actuación que conseguiría integrar nun mesmo espazo físico toda a aposta emprendedora do municipio. Segundo explica a Responsable Local do BNG, Mari Fernández, este espazo de encontro, permitiría coordinar a formación continua, a labor de asesoramento e o impulso á I+D das empresas, pequenos comercios e sector autónomo lalinense.
Propón que o Fórum Lalín conte con instalación no polígono industrial, e dende este
emprazamento terá capacidade para desenvolver especialidades formativas homologadas, co obxectivo de facilitar unha formación axustada ás necesidades do
mercado laboral e encamiñadas á obtención de certificados de profesionalidade.

Destacan desde o BNG, que ademais o Fórum Lalín crearía cos seus fluxos internos, unha Bolsa de Traballo, que permitiría establecer unha relación rápida e directa entre as necesidades do mercado laboral lalinense e a formación dos traballadores do concello.
Mari Fernández destaca que “conxugar nun mesmo espazo oferta formativa e oferta de emprego” axudaría a solventar as eivas do mercado laboral de Lalín, beneficiando a
todos os actores implicados”. Ademais a Responsable Local nacionalista destaca que
esta iniciativa suporía “incentivar a actividade económica e o desenvolvemento que precisa o noso concello de cara ao futuro”.
Publicidade
O espazo contaría cun edificio adicado a distintos obradoiros relacionados sempre con
actividades que demande o mercado laboral da zona, ademáis dun espazo de formación
continua en TICs e I+D+i. Para a posta en marcha do Fórum Lalín, Mari Fernández explica que sería necesario elaborar un proxecto detallado desde o goberno municipal, recabando o apoio doutras administracións para concorrer a axudas da Unión Europea. Asegura que tanto Lalín coma a temática e importancia desta iniciativa, “encaixan perfectamente nos obxectivos de moitos plans de axuda europeos”.
Deste xeito, cos fondos europeos cofinanciando a posta en servizo do Fórum Lalín, as arcas municipais terían que facer un mínimo desembolso, e encargarse do seu mantemento e dinamización. Mari Fernández destaca que “cun investimento local
mínimo os beneficios para a economía e o emprego de Lalín serían espectaculares”.
Publicidade
Comercio e hostalaría
O BNG de Lalín é consciente da importancia do pequeno comercio local e o sector da
hostalaría do concello, por iso dentro deste Fórum Lalín habería espazos específicos para fomentar estes dous importantes motores da economía local. As comerciantes de Lalín contarán deste xeito cun lugar no que recibir información, formación e asesoramento de cara a mellorar a súa produtividade, eficiencia e beneficios, prestando especial atención ás novas tecnoloxías e á implantación do comercio electrónico no tecido comercial local.
No caso da hostalaría, o Fórum Lalín contará cun espazo de formación para as empresas e traballadores deste sector, que abranguerá dende a mellora na xestión dos negocios hosteleiros ata a formación en excelencia dos profesionais do sector, tendo especialmente en conta aos sector primario productor de materias primas locais.








Comentarios