O BNG pon en marcha en Agolada un grupo de traballo de cara as vindeiras eleccións municipais
Elixiu a Susana Tato Pampín coma coordenadora do grupo de traballo local
Ecos da Comarca/Agolada

O BNG vén de poñer en marcha en Agolada un grupo de traballo de cara as vindeiras eleccións municipais de 2023. Esta pasada fin de semana un grupo de 20 persoas implicadas no proxecto mantiveron unha xuntanza nos Pendellos á que asistiu o responsable comarcal, Xoán Blanco, e na que se elixiu a Susana Tato Pampín coma coordenadora do grupo de traballo local, quedando para unha nova xuntanza a distribución de responsabilidades entre as persoas que forman o grupo de traballo.
Os obxectivos do BNG de Agolada pasan por empezar a confeccionar unha candidatura gañadora de cara aos vindeiros comicios municipais. Este grupo de traballo está "ilusionado e comprometido para elaborar a mellor candidatura para gobernar Agolada". Neste proceso o grupo de traballo creado elaborará un programa de goberno acorde ás necesidades das distintas parroquias do concello. Para iso as persoas que o integran están xa a ampliar e manter contactos en cada zona do municipio, e programaron xa visitas a todas as parroquias para establecer contacto coa cidadanía e recoller as súas demandas e aportacións a este programa co que o BNG quere "situar a Agolada no lugar que lle corresponde no mapa municipal galego".
"As mulleres e homes que integran este grupo de traballo do BNG en Agolada temos clara a importancia de que o noso concello supere dunha vez por todas as eivas que leva anos arrastrando pola falta de iniciativa dos seus gobernos municipais. Agolada ten un enorme potencial que ata o de agora non foi nunca aproveitado para convertirse nun concello con futuro cheo de oportunidades e servizos de calidade para os seus veciños e veciñas. Hai moitas necesidades nos distintos puntos do municipio, necesidades de infraestruturas, pero tamén de servizos básicos e sociais que melloren a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Por iso o BNG visitará cada recuncho do concello para falar con toda a veciñanza e deseñar o programa co que traballar para construír futuro en Agolada".








Comentarios