O BNG pide contas á Xunta polas axudas aos afectados polos incendios en Deza
- ecosdacomarca

- hace 4 días
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Deza
O BNG vén de rexistrar unha iniciativa para coñecer que axudas chegaron realmente ás persoas que acumularon danos derivados da vaga de incendios do pasado verán na comarca, cantas foron as solicitudes, as resolucións e as contías económicas que se acumulan nos territorios afectados.

“Aquel episodio deixou milleiros de hectáreas queimadas en Galiza e puxo de manifesto, unha vez máis, a falta dunha política real de prevención e protección do noso territorio. A ausencia de planificación e de investimento suficiente derivou en situacións de grave perigo para a poboación e evidenciou a incapacidade do goberno galego para facer fronte a este tipo de crises” declara a deputada nacionalista Ariadna Fernández, que
recoñece ter medo polo que poida pasar neste vindeiro verán "ao ver a inacción do goberno ao respecto da prevención".
Nas comarcas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes os lumes tamén tiveron un forte impacto, con concellos como Dozón, A Estrada ou Agolada entre os máis afectados. Houbo aldeas confinadas e rodeadas polas chamas, coma pasou no lugar do Sexo (Agolada), onde se viviron momentos de grande tensión, con importantes perdas materiais e graves consecuencias para a veciñanza e para o sector agrogandeiro.
Publicidade
Tras os incendios, a Xunta anunciou diferentes liñas de axudas para paliar os danos e permitir a recuperación das explotacións, vivendas e bens afectados. "Porén, meses despois, persisten as dúbidas sobre a eficacia real destas medidas e sobre se os recursos chegaron a tempo ás persoas que os necesitaban, especialmente en cuestións urxentes como a alimentación do gando ou a reposición de medios de produción, ao igual que en danos nas vivendas e instalacións".
PUBLICIDADE
O BNG considera imprescindible coñecer estes datos para avaliar o impacto real das medidas anunciadas e comprobar se as persoas afectadas polos incendios recibiron o apoio necesario para recuperar os seus medios de vida, xa que tachan as axudas de “propagandísticas, con excesiva burocracia e economicamente insuficientes” cualificativos que Fernández lle achaca á política xeral da Consellería de Medio Rural nesta comarca, onde “as promesas e propaganda son o habitual”.








Comentarios