O BNG materializa as peticións en materia de educación a través de emendas aos orzamentos da Xunta
- ecosdacomarca

- hace 11 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Deza
O BNG materializa as peticións en materia de educación a travé de emendas aos orzamentos da Xunta. A comarca do Deza-Tabeirós e Terra de Montes sofre recortes e falla de profesorado abondo para facerlle fronte ás necesidades dos centros educativos, que esquecen a inclusión e integración, un dereito para o alumnado galego e que, segundo os nacionalistas non se cumpre.

"Os déficits no sistema educativo en canto á dotación de persoal son recorrentes nos distintos concellos da comarca, repetíndose cada comezo de curso situacións de descontento, protestas e mobilizacións tanto de ANPAS como de profesorado, que non deixa a ninguén indiferente. Malia que a Consellería de Educación, rexeita as peticións das familias e alega que se cumpren rateos e que a atención é a adecuada, recentemente vemos que despois das mobilizacións que o ano pasado afectaban ao CEIP Cerdeiriñas de Piloño, este ano continúan noutros centros. Tanto o CEIP Figueiroa ou O Foxo, coma o García Barros adoecen de falla de docentes especialistas, tanto en Pedagoxía Terapéutica coma en Audición e Linguaxe, que desencadean malestar e resultan feitos discriminatorios para o alumnado que precisa desta atención".
Publicidade
Sabedores desta falla de dotación adecuada do sistema, os nacionalistas veñen de rexistrar numerosas emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza neste sentido. Nelas son concretos en canto ás súas solicitudes sobre a dotación económica precisa para facerlle fronte á atención do alumnado con necesidades educativas especiais, propoñendo un incremento do investimento de 5 millóns de euros que se destinarían ao Plan docentes especialistas de apoio ao alumnado NEAE. "Deste xeito sería posible dotar de persoal aos centros, sexa cal sexa a súa localización, tanto urbanos como encadrados no rural, de docentes que fixesen posible garantir o dereito do alumnado con necesidades educativas especiais". A maiores, noutra das emendas solicitan dende o BNG un incremento da dotación orzamentaria de preto dun millón de euros que terían como fin prover aos centros que así o precisen de coidadores ou coidadoras que atendesen de xeito eficiente ao alumnado que así o precise, promovendo a inclusión real a través do fornecemento de profesionais especialistas.
Publicidade
O BNG considera que “non se pode desasistir aos centros educativos sexa cal sexa a súa localización, polo que isto implica a nivel de inclusión e de sobrecarga do resto dos docentes, que deben atender necesidades especiais con rateos que non llo permiten e extralimitándose nas súas labores” aclara o responsable comarcal do BNG Xoan Blanco, que engade que “non é de recibo que dende a Consellería menosprecen as necesidades do alumnado e as solicitudes das familias, os centros teñen que ser un lugar de aprendizaxe agradable e eficiente para todas e todos, do contrario estamos diante dunha discriminación da que dende o Bloque Nacionalista Galego nunca imos ser cómplices, de aí as nosas emendas aos orzamentos, que tratan de paliar as eivas que existen e que quedan claras nas múltiples protestas ao longo da comarca”.








Comentarios