top of page

O BNG logra que o xerente do Sergas se comprometa a examinar as deficiencias do ambulatorio de Cruces

Sinala "o desleixo total do PP coa sanidade na comarca" e úrxelle á Xunta e Concello implicación para que os médicos non acaben fuxindo do rural


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

A deputada do BNG pola comarca do Deza-Tabeirós-Terra de Montes, Ariadna Fernández, levou á Parlamento a grave situación das instalacións do centro de saúde de Vila de Cruces, un exemplo, segundo denunciou, "do abandono continuado e do desleixo total por parte do PP que sofre o interior do País en materia de sanidade pública".


Fernández lembrou que a realidade demográfica da comarca "non é alentadora, nun interior que se despoboa a unha velocidade inasumible, e atribuíu parte desa perda de poboación á falta de servizos básicos, entre eles a atención sanitaria". Neste sentido, pediulle máis autocrítica tanto á Xunta como ao Concello para evitar que os médicos e especialistas acaben abandonando os centros de saúde do rural.

ree

Antes de arrincarlle o compromiso ao xerente do Sergas, José Ramón Parada, de visitar a zona e comprobar de primeira man as deficiencias, a deputada nacionalista explicoulle que, no caso de Vila de Cruces,  o centro médico ten goteiras, humidades, mofo, chans levantados e problemas de seguridade tanto no interior como no exterior do edificio. Sinalou que chove dentro, que hai caldeiros nos corredores e paredes con mofo, e advertiu de que non é un lugar digno para atender crianzas, persoas maiores ou doentes crónicos. Indicou tamén que a situación non é nova nin puntual, e que o mesmo ocorre noutros centros da comarca como o de Silleda, onde tamén entran filtracións de auga.


Na súa intervención, que foi seguida por membros do BNG de Vila de Cruces desde unha sala no Parlamento, a deputada criticou "que a Xunta leve anos desentendéndose da sanidade no rural, mentres só se acorda dos concellos do interior en período electoral". Reclamou que se acometan reformas urxentes que garantan un mínimo de calidade na atención e unhas condicións dignas para o persoal sanitario, xa que, segundo advertiu, “cando os médicos e o cadro de persoal non queren vir ou marchan en canto poden, é evidente que algo non se está a facer ben”.


Recollendo as propostas dos profesionais do centro, Fernández enumerou actuacións concretas para melloralo, como a creación dunha nova sala de urxencias máis ampla e funcional mediante a unión de dous espazos contiguos, a actual sala de urxencias e a antiga sala de arquivos. Tamén reclamou a dotación dun carro específico para paradas cardíacas e a humanización da sala de espera de pediatría, incorporando tamén un cambiador nos aseos.


 “A ese extremo de desleixo se chega no centro de saúde de Vila de Cruces”, expresou, alertando ademais da preocupación veciñal polo futuro do consultorio de Merza, onde temen quedar sen médico cando o actual se xubile, razón pola que tamén reclamou que se garantan a continuidade do servizo  así como unha sinalización axeitada.


Máis autocrítica e implicación para que o rural non quede sen médicos

A deputada do BNG rematou a súa intervención pedindo máis autocrítica e máis implicación tanto da Xunta como do goberno local, insistindo en que ambas administracións deben asumir a súa responsabilidade sen escudarse unha na outra.

“Aos veciños e as veciñas, a co responsabilidade entre administracións impórtalles pero menos ca estar ben atendidos”, manifestou.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Sinalou "o desleixo da Xunta cos concellos máis despoboados" como causa para que as e os médicos de familia ou calquera especialista non queira traballar nos seus centros de saúde ou marchen en canto poden “como se lles fose o demo detrás”, expresou


Ariadna Fernández tivo que esperar á última quenda de intervención do responsable do Sergas para que este se comprometese a achegarse ao centro de saúde de Vila de Cruces. “Se tanto respectan os nosos profesionais sanitarios, como sempre están a repetir coas mesmas consignas, aporten solucións, vaian alí e escoiten as súas demandas. Cando lles garantan unhas condicións mínimas de traballo, entón falaremos de respecto”, rematou.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page