top of page

O BNG levará ao Parlamento de Galicia a crise demográfica en Deza-Tabeirós e Terra de Montes

Ecos da Comarca/Deza

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da deputada Ariadna Fernández González e do deputado Oscar Insua Lema, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para debate en Pleno, sobre a crise demográfica na comarca Deza-Tabeirós e Terra de Montes.

"A crise demográfica é unha realidade galega que os propios datos amosan anos tras ano, onde as defuncións superan os nacementos no noso país de xeito rutineiro segundo o INE, aínda que o desequilibrio territorial nesta cuestión é manifesto. A media de perda de habitantes entre o 2010 e o 2022 chegou ao 20,85% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, en comparanza co promedio nacional, que queda nunha cifra moito menor, achegándose ao 4% segundo datos recentes, o que explicita que se precisan políticas públicas que valoren as especificidades de cada zona en particular para paliar o problema. É dese xeito como concellos rurais e de pequeno tamaño galegos, están nunha situación de declive poboacional que arrastran dende hai décadas, sendo máis grave na

provincia de Lugo e Ourense, pero que tamén afecta xa, con datos preocupantes, ás

zonas do interior de Pontevedra. É nesa área, onde se sitúa a comarca de Deza,

Tabeirós- Terra de Montes que conta na actualidade con 68.662 habitantes, amosando

un previsible decrecemento con respecto ao ano anterior".


A densidade de poboación é de 41 habitantes/km2 no Deza e de 52 en Tabeirós- Terra de Montes, a pesares de contar coa presenza de dúas grandes vilas que se manteñen por enriba dos 20.000. Os datos do Instituto Nacional de Estadística e do padrón municipal a 1 de xaneiro de 2024, aválannos para confirmar que nesta área se localizan os 4 concellos con menos habitantes por quilómetro cadrado da Provincia, cun grave descenso en número e un acusado envellecemento poboacional. Entre eles atópanse Dozón (16 hab/km2), Agolada (18 hab/km2), Rodeiro (20 hab/km2) e Forcarei (21 hab/km2), os dous primeiros os únicos da provincia que baixan dos vinte habitantes/km2 e que de seguir así será xeneralizado, xa que todos teñen arredor do 40% da súa poboación cunha idade superior a 64 anos.


Publicidade  

Os concellos máis necesitados de medidas urxentes reúnen catro características comúns: son municipios de menos de 5.000 habitantes, cun crecemento vexetativo menor ao 10% e unha taxa de variación da poboación entre 2016 a 2021 do 0%, a maiores dunha densidade do 20% ou inferior. Na devandita comarca, o consello de contas, pon o foco da despoboación nos concellos anteriormente nomeados tres dos cales, a excepción de Agolada que tivo un lixeiro crecemento poboacional de 28 persoas, perden habitantes, especialmente Dozón e Forcarei, cunha baixada de 3,2 e un 1,9 puntos porcentuais respectivamente, que pon en perigo a súa pervivencia no tempo.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Polo anteriormente exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate en Pleno: “O Parlamento insta a Xunta de Galiza a:

1. Levar a cabo un estudo detallado sobre o problema do despoboamento na comarca de Deza- Tabeirós/Terra de Montes, para coñecer datos sobre a evolución da poboación na comarca, valorando as medidas tomadas e o seu efecto en todos os concellos desta, con especial énfase nos citados (Dozón, Rodeiro, Agolada e Forcarei).

2. Fornecer de servizos públicos os concellos rurais anteriormente nomeados.

3. Crear unha rede de transporte público que garanta este servizo nos concellos rurais, asegurando un servizo mínimo que favoreza o uso deste e que permita unha maior autonomía dos cidadáns nestes concellos de menos de 5.000 habitantes.

4. Favorecer a dixitalización dos concellos da comarca do Deza-Tabeirós e Terra de Montes, en especial daqueles con menos de 5.000 habitantes, para que as condicións sexan de igualdade cos habitantes dos máis poboados.”

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page