O BNG leva ao Parlamento de Galicia o recorte de persoal de audición e linguaxe no CEIP de Silleda
A formación nacionalista rexistra iniciativas parlamentares logo de que a Xunta reducise de tres a un os especialistas no centro, deixando desasistido ao alumnado con necesidades especiais
Ecos da Comarca/Silleda
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixir á Xunta de Galicia a restitución inmediata dos especialistas de Audición e Linguaxe suprimidos no CEIP Plurilingüe de Silleda.

A formación nacionalista, en voz da súa voceira municipal Erea Rey, cualifica de
"auténtico atentado contra a educación inclusiva a decisión da Consellería de Educación,
que pasou de contar con tres docentes especialistas a ter un só no presente curso
escolar. Estamos a falar dun recorte inxustificado dos recursos humanos destinados ao
alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), mentres que as
necesidades das crianzas seguen a ser exactamente as mesmas".
"A Xunta cometeu un exercicio de soberbia e desprezo absoluto cara ás familias de Silleda. Lonxe de escoitar unha reclamación avalada por 400 firmas, a resposta da Consellería para este curso foi aplicar un novo tesoirazo e deixar un único especialista
para todo o colexio", sinala a deputada nacionalista Ariadna Fernández. Segundo
trasladou publicamente a propia comunidade educativa, a carencia deste persoal
imposibilita na práctica ofrecer unha atención personalizada, individualizada e de
calidade, poñendo en risco o avance cara a unha escola plenamente inclusiva.
PUBLICIDADE
Para Fernández, a perda de recursos para a diversidade é xa unha "constante cronificada" que afecta con especial dureza ás comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes. "O PP enche a boca falando de apoio ao rural, pero á hora da verdade retira os profesores especializados dos concellos de interior, na comarca temos abondos exemplos. Sen recursos humanos públicos nas aulas, a inclusión convértese nun slogan de propaganda baleiro e os nenos e nenas do rural pasan a ser alumnos de segunda", recrimina avanzando que o debate en comisión parlamentar se dará o antes posible.
PUBLICIDADE
O BNG de Silleda esixe á Consellería que aclare de inmediato os criterios técnicos polos que decidiu desmantelar o departamento de Audición e Linguaxe en Silleda, que faga públicos os datos de cantas horas de atención especializada perdeu cada alumno afectado e, sobre todo, que fixe unha data urxente para reincorporar aos dous docentes suprimidos. "Non imos permitir que se sigan vulnerando os dereitos das crianzas máis
vulnerables para cadrar os balances económicos da Xunta", conclúe Rey.









Comentarios