O BNG lamenta que Calvo, na súa despedida como alcalde, "embarre o panorama político de Agolada"
- ecosdacomarca

- hace 8 minutos
- 2 Min. de lectura
"Debería recoñecer que cometeu un erro grave que derivou nunha sentenza por prevaricación que o obriga a dimitir como tal", salienta a voceira nacionalista, Susana Tato
Ecos da Comarca/Agolada
Os nacionalistas agoladeses lamentan profundamente que o alcalde dimitido, Luis Calvo, "trate de transformar unha condena por prevaricación nun relato de conspiracións e vitimismo ao tempo que lanza ataques infundados contra a organización nacionalista que nin el mesmo cre".

O BNG considera extremadamente grave que o exalcalde "trate de substituír o debate real, unha condena por corrupción administrativa, por un relato de supostos pactos secretos, compras de concelleiros, conversas escoitadas “debaixo dun balcón” ou “ reparto de queixos”. Todas elas son acusacións sen probas nun intento de desviar o foco". “Quen teña probas de corrupción política ou de compra de concelleiros, que as leve ao xulgado. E se non as ten, que deixe de lanzar insinuacións nun intento de manchar a todos”, sinalou a portavoz do BNG agoladés, Susana Tato.
Publicidade
O BNG nega de maneira rotunda calquera intento de mercar vontades. “Noutras organizacións igual están acostumados a esas prácticas; nós non”, aclarou a portavoz municipal. Tato sinala que foi clara: “O BNG non condena a ninguén: quen condena é o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Nós limitámonos a recordar o que di a xustiza e o que di a lei. Un alcalde condenado por prevaricación con pena de inhabilitación non pode seguir como se nada pasase.” Ao tempo que aclara que “A LOREG non é unha lei ‘só para terroristas’. É a lei electoral que se lle aplica a calquera alcalde deste país —tamén ao señor Calvo— cando é condenado por ditar resolucións inxustas”.
Publicidade
A posición final do BNG: legalidade, dignidade e respecto á veciñanza
Para pechar, a portavoz expresa con claridade a postura da formación. “Por riba do BNG, do PAYJ ou de calquera partido, está o respecto institucional e a limpeza democrática. A veciñanza merece un Concello que cumpra a lei e non un espectáculo de vitimismo para desviar o foco dunha condena por prevaricación. O exalcalde é libre de defenderse nos tribunais, pero non é aceptable que pretenda converter a súa condena nunha conspiración do BNG. A mellor defensa da veciñanza é que as institucións sexan limpas e a lei se cumpra".








Comentarios