O BNG lalinense denuncia "agardas de máis de 10 días para consultas de pediatría no CIS"
- ecosdacomarca

- 24 jul 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín

O BNG lamenta que "a pesares do debate mantido no Parlamento Galego ao respecto da situación da atención pediátrica en Lalín, o certo é que dende a Consellería de Sanidade non se tomaron medidas ao respecto, de xeito que o día a día das familias continúa sen mellorar. Esta mesma semana é imposible concertar unha cita presencial en pediatría con menos de dez días de agarda, obrigando ás familias a acudir por urxencias coas súas crianzas".
Publicidade
Non entanto, "e co claro obxectivo de silenciar o problema que se vive no concello de Lalín e nos limítrofes, afectados igualmente por a falla de pediatras e dependentes do mesmo servizo, o PP en comisión 5 afirmaba que a situación está controlada, organizada e perfectamente dimensionada", como aclara a deputada lalinense. “Hai pouco máis dun
mes chamábannos alarmistas e desinformados en sede parlamentar, acusándonos de dar
información falsa, información que por certo era a que os pais e nais nos transmitían sobre as deficiencias en pediatría en Lalín” aclara Fernández ao respecto e continúa explicando que “nesa comisión votaron en contra da nosa proposta de garantir a atención pediátrica e de dotar o CIS de servizo de pediatría polas tardes, alegando que as tres prazas estaban cubertas, dúas delas por residentes”.
Publicidade
Para o BNG lalinense non se trata máis "que de continuar co plan que a Xunta de Galiza ten para a sanidade pública, “recortar ata que desapareza”, restando servizos obrigando aos veciños e veciñas a acudir ao CHUS ou á sanidade privada, se é que poden permitirse pagala ou desprazarse 50 quilómetros para que un especialista atenda aos seus nenos e nenas”. Lembran así mesmo que non cesarán nas súas demandas e recordan que “negar o evidente dende o PP, tanto a nivel local coma parlamentar é faltarlle ao respecto aos galegos e galegas que viven estas situacións, neste caso ás crianzas de Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón, que ven os seus dereitos vulnerados”.








Comentarios