top of page

O BNG insta unha vez máis á Xunta a que recupere as pezas espoliadas do mosteiro de Carboeiro

Ecos da Comarca/Silleda

Concelleiros e deputadas nacionalistas instan ao goberno galego a mover ficha na recuperación das pezas espoliadas do tímpano de Carboeiro, denunciando ·que o proceso está completamente paralizado por falla de vontade e interese de devolvernos o noso patrimonio".

ree

Dende o BNG continúan a loita para a recuperación das dúas pezas espoliadas en Carboeiro, feito documentado no seu momento e que permitiu que o historiador, Francisco Prado Vilar, deducira por unhas cartas recuperadas do Arquivo de Galiza e do Arquivo Xeral da Administración a localización das obras. Na actualidade, as pezas que se corresponden cun Cristo en Maxestade e un releve cos símbolos dos evanxelistas San Lucas e San Xoán, encóntranse no Museo Frederic Marés, en Barcelona, "sen que a Xunta de Galiza e a Consellería competente na materia actúe coa contundencia precisa para a súa volta á casa".


“Non chegamos a entender o inmobilismo da Consellería de Cultura sobre este tema, a única explicación que se nos ocorre é que non haxa interese polo noso patrimonio máis alá da propaganda habitual do PP” aclara a deputada nacionalista Ariadna Fernández, que insiste na importancia de Carboeiro tanto a nivel comarcal coma de país. Non atopa tampouco explicación para este desleixo a deputada que leva anos traballando en prol da recuperación das pezas na comisión de cultura do Parlamento Galego, Mercedes Queixas. "Non hai avance malia que o anterior Conselleiro se comprometeu a traballar co Concello de Barcelona para que o retorno se producise o máis pronto posible, tampouco parece que co Sr. López Campos vaia haber cambios na xestión, malia que ambos os dous responsables desta consellería son da comarca que ten a sorte de ter este ben patrimonial”.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Pola súa banda, a voceira do BNG de Silleda, Erea Rey, aproveitou a ocasión para reclamar a todas as administracións públicas que impulsen un proxecto para musealizar o enclave, de modo que o Mosteiro de Carboeiro se converta nun espazo onde a xente poida interactuar coa historia e o patrimonio e así poder salvagardar mellor todo o patrimonio material co que conta este enclave.


A deputada do BNG Ariadna Fernández e a voceira local Erea Rey anuncian que continuarán solicitándolle ao goberno da Xunta información sobre o estado do proceso e pedirán explicacións polas demoras e a falta de información. “Non pode ser que tendo a xustificación e as probas de que Carboeiro sufriu un espolio non sexan capaces de negociar e planificar a súa volta, é unha cuestión de incapacidade e desinterese absoluto e continuaremos na loita por traer á casa unha parte imprescindible do noso patrimonio”, recalca Fernández.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page