O BNG insta a Lalín a actuar para blindar o sector gandeiro contra a demartose nodular contaxiosa
- ecosdacomarca

- 31 oct
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
A concelleira Ariadna Fernández solicítalle a Lalín, un dos concellos que máis carga gandeira ten no país e na comarca, a que mova ficha ao respecto da chegada da nova enfermidade do gando vacún a Galiza e ao Deza, "actuando con responsabilidade e sendo resolutivos para que os gandeiros, gandeiras e transportistas de Lalín estean informados de como actuar fronte á Dermatose Nodular Contaxiosa e de como previla"--

Lembra que dende hai meses unha “nova” enfermidade ameaza ao sector gandeiro europeo, coa chegada dos primeiros contaxios próximos a Italia ou Francia, que non pararon de aumentar o reconto de gromos. "A globalización, instaurada en todos os sectores, é a responsable, ao igual que a alta morbilidade da enfermidade, de que esta traspase fronteiras, incluída a do Estado Español".
“Coa detección e diagnose positiva do primeiro caso en Cataluña o pasado 3 de outubro acabou de confirmarse que non estamos a salvo, coma xa era previsible e avisamos dende o BNG xa no mes de agosto, co rexistro de varias iniciativas parlamentares sobre a necesidade de medidas por parte do goberno, que fixo caso omiso” explica a deputada e concelleira nacionalista, que confesa estar moi preocupada por todas e todos os que teñen como modo de vida o sector gandeiro no país e no seu concello, Lalín. “Non podemos andar a remolque cada vez que temos a ameaza dunha nova enfermidade, somos punteiros en produción de leite e carne no país e a administración debe acompañarnos de xeito responsable, aportando solucións tanto dende a localidade coma dende San Caetano” aclara solicitando que todas as administracións tomen partido antes de que sexa demasiado tarde, cada unha dentro das súas competencias.
Publicidade
Co anuncio da posibilidade de vacinación, que deixa por agora fóra a Galiza ao non ter gromos preto, ábrese a posibilidade de estar preparados para a chegada da temida dermatose que, segundo Fernández, non ten nada que ver coas anteriores patoloxías que nos afectaron. “Que entre nas nosas fronteiras e se contaxien ganderías galegas implica o baleiro sanitario das explotacións, teremos que sacrificar miles de animais e iso pode ser o peche de moitas explotacións no noso concello, polo que necesitamos que se actúe, xa que non se fixo nada ate este mesmo luns, cando se prohibiron as feiras e os mercados de gando, feito que non chega para evitar o que pode suceder”.
Publicidade
Insiste na necesidade de informar de xeito claro e conciso aos titulares das explotacións, con indicacións sobre o que se debe facer para previr a chegada desta patoloxía e que se lle deben pedir actuacións responsables e solventes “a unha Consellería de Medio Rural que nos botou ao lombo as dúas crises sanitarias anteriores, cunha actuación lenta e pouco organizada que se baseou en indemnizar animais cunha contía aceptable por presión da oposición”.








Comentarios