O BNG felicítase pola apertura da saída da A-54 en Remonde, unha reivindicación histórica dos veciños
Celebra que o Ministerio atendese finalmente unha demanda defendida durante anos polo BNG de Palas de Rei e polo deputado Néstor Rego no Congreso
Ecos da Comarca/Palas de Rei
O BNG de Palas de Rei celebra a apertura completa do acceso á autovía A-54 desde a parroquia de Remonde, executada durante a pasada semana, que permite conectar directamente as parroquias de Remonde, Pambre e Orosa con esta importante infraestrutura viaria. Trátase dunha reivindicación histórica da veciñanza que o BNG de Palas de Rei mantivo viva durante anos, trasladándoa tamén ao Congreso a través do deputado nacionalista Néstor Rego, quen reclamou ao Goberno do Estado unha solución que garantise a accesibilidade destas parroquias.
Desde a formación nacionalista destacan que esta apertura supón unha importante mellora para a mobilidade da poboación da zona, que poderá acceder directamente á A-54 para desprazarse cara a Melide, Lugo ou Palas de Rei, evitando rodeos innecesarios e aforrando tempo e quilómetros.

“Esta é unha boa noticia para a veciñanza e unha demostración de que a constancia, a mobilización e o traballo político dan resultados. Levamos anos reclamando unha solución que era de xustiza para estas parroquias e hoxe podemos celebrar que finalmente se atendeu esta demanda”, sinalan desde o BNG de Palas de Rei.
A organización nacionalista subliña que as infraestruturas deben estar ao servizo das persoas e que as grandes vías de comunicación non poden construírse de costas ás necesidades da poboación rural. Neste sentido, considera que garantir accesos adecuados é fundamental para mellorar a calidade de vida, favorecer a actividade económica e contribuír a fixar poboación no rural.
Representantes locais do BNG visitaron a zona hai dez días, pouco antes da apertura do acceso, e comprobaron que, malia este importante avance, aínda existen problemas derivados da construción da autovía que deben ser resoltos.
PUBLICIDADE
En concreto, a formación reclama que se restitúa o abastecemento de auga ao pozo comunal de Remonde, que secou como consecuencia das obras da A-54, e que se acometa "con urxencia a reparación da estrada que comunica Remonde co Coto, actualmente nun estado de deterioración que require unha actuación das administracións competentes, nomeadamente do Concello e da Deputación Provincial".
“Celebramos o conseguido, pero non damos por rematadas as reivindicacións da veciñanza. Non é aceptábel que unha obra pública deixe un lugar sen auga no seu pozo comunal nin que se manteña unha estrada en malas condicións sen ofrecer solucións”, advirten desde a organización.
Finalmente, o BNG de Palas de Rei pon en valor o traballo conxunto da organización local e da representación nacionalista nas Cortes do Estado, especialmente do deputado Néstor Rego, "para conseguir que as demandas da veciñanza cheguen ás institucións e se transformen en melloras concretas". “A política útil é a que consegue mellorar a vida das persoas. A apertura deste acceso é unha vitoria da veciñanza e demostra a importancia de contar cun BNG forte, tanto nos concellos como en Madrid, que defenda os intereses do noso rural e non deixe esquecidas as súas necesidades”, conclúen.








Comentarios