O BNG esíxelle á Xunta desistir do apoio a Altri, símbolo dunha política industrial “fracasada, errada e antigalega”
- ecosdacomarca

- 4 dic
- 3 Min. de lectura
Luís Bará afirma que se trata dun auténtico "calote tramitado con trampas para facer pasar por biofábrica o que é un exemplo de franquismo industrial"
Ecos da Comarca/A Ulloa
O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, esixiulle ao PP na Xunta que desista do apoio ao proxecto industrial de Altri na Ulloa e rexeite a achega de 250 millóns de euros de fondos europeos a unha industria de enclave “que recibiu trato de favor” e que "é prexudicial para o territorio, o medio e os sectores económicos estratéxicos en Galiza".
Bará argumentou a reclamación do BNG afirmando que, cinco anos despois de “ser anunciado a bombo e prato”, Altri converteuse nun “auténtico fiasco e no símbolo dunha política industrial fracasada, errada e antigalega”. Trátase, engadiu, dun auténtico “calote”, un proxecto industrial do pasado que foi tramitado con “trampas, enganos e escurantismo” para facer pasar por biofábrica o que é un “claro exemplo de franquismo industrial en pleno século XXI”. “A estas alturas, o gran proxecto industrial do PP, o proxecto estrela de Feijóo e Rueda, está estrelado”, expresou.

Denunciou que, a día de hoxe, o PP aínda oculta os pactos secretos con Altri, asinados no “famoso memorando de entendemento” do 1 de outubro de 2021 ao negarse a entregalos ao Parlamento. “Por iso tivemos que ir aos xulgados para reclamalos. Cando ocultan é que temen que se saiba”, advertiu, para criticar o trato de favor con Altri, “con cambios lexislativos feitos a medida”.
O BNG reclámalle o Executivo de Rueda que rexeite a achega de 250 millóns de euros de fondos europeos a unha empresa "de enclave e prexudicial para o territorio, o medio e os sectores económicos estratéxicos da economía galega". “Deixen de mendigar por Bruxelas e por Madrid eses 250 millóns de euros a fondo perdido, medio millón por cada posto de traballo que dicían que ían crear”, apuntou o deputado nacionalista.
"Altri, contra as cordas"
Luís Bará asegurou que estamos nun momento decisivo, no que o proxecto de Altri se encontra agora mesmo “contra as cordas”, sen garantía de conexión eléctrica á rede, sen financiamento millonario de fondos europeos e sen axudas do Fondo de Innovación da UE. Porén, matizou que “está tocado pero aínda está vivo”, ao seguir pendente a concesión de augas, a autorización ambiental integrada e a aprobación do Proxecto Industrial Estratéxico (PIE).
Publicidade
É por iso que a iniciativa do BNG tamén pedía desestimar e arquivar a solicitude de concesión de augas superficiais do río Ulla no encoro de Portodemouros con destino a uso industrial por parte de Altri.
Bará recordoulle ao PP que en tres anos foron incapaces de aprobar o proxecto, "mérito que atribuiu, non ao BNG nin dos que queren poñerse esa medalla, senón do pobo organizado, desde a Ulloa ata a Arousa, do pobo galego consciente, digno e comprometido que defende a terra e o País fronte ao abuso e a imposición do PP”, recalcou, referíndose ás multitudinarias manifestacións en contra do proxecto en Palas, Santiago e na Pobra do Caramiñal. Animou neste punto á sociedade galega a volver manifestarse contra a ameaza da macrocelulosa e en defensa do territorio o vindeiro 14 de decembro en Compostela.
Impacto ambiental, patrimonial e económico
O portavoz de Medio Ambiente volveu denunciar o impacto que suporía implantar unha bomba ambiental no corazón de Galiza, non só ambiental ou patrimonial, tamén nos sectores económicos estratéxicos, o agrogandeiro das comarcas veciñas da Ulloa e do Deza, afectando á súa produción alimentaria de calidade e en ecolóxico. Tamén sería prexudicial para a cadea de valor monte industria polo que supón de aposta pola eucaliptización, “pseudomoratoria mediante”, ironizou.
Publicidade
Por último, Bará subliñou as repercusións negativas no desenvolvemento turístico da zona da Ulloa-Arzúa-Melide arredor do Camiño de Santiago e na actividade produtiva da ría de Arousa, onde a xeración de emprego “é 50 veces máis que o proxecto contaminante de Altri”, apuntou, lembrando que todos estes motivos foron os que xeraron o enorme rexeitamento a este “proxecto aberrante”.
Por iso, o BNG reclámalle á Xunta de Rueda un plan plurianual de investimentos nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide, Ulloa e Deza, na contorna do río Ulla e na ría de Arousa destinado ao apoio ao desenvolvemento e vertebración de sectores económicos estratéxicos e á protección, recuperación e rexeneración do río Ulla e dos seus afluentes, así como do encoro de Portodemouros e tamén da ría de Arousa. Propostas que foron rexeitadas cos votos en contra do Partido Popular. “Estamos contra Altri porque estamos a favor de Galiza”, rematou.








Comentarios