top of page

O BNG esixe á Xunta e ao Concello solucións inmediatas para o CEIP Nosa Señora da Piedade

hace 10 minutos
3 min de lectura

Álex Fiúza reclama que se deixe de “parchear” o centro e denuncia que, co curso xa iniciado e con máis aulas de Infantil, as familias seguen sen unha solución para unhas instalacións que levan anos presentando deficiencias


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O portavoz municipal do BNG de Vila de Cruces, Álex Fiúza, esixe á Xunta de Galicia e ao

Goberno municipal que deixen de adiar a solución ás graves carencias do CEIP Plurilingüe

Nosa Señora da Piedade e adopten, dunha vez por todas, unha actuación integral que

garanta unhas instalacións dignas, seguras e adecuadas para o alumnado. “Estamos ante un problema perfectamente coñecido desde hai anos, non ante unha situación imprevista. En marzo a propia Xunta recoñeceu que había que estudar unha solución estrutural, pero o curso xa comezou e as familias seguen sen esa solución”, denuncia Fiúza.

O portavoz nacionalista considera especialmente grave que se chegue ao inicio do curso

2026-2027 sen ter resolto unha situación que xa provocou preocupación e reclamacións por parte das familias e da comunidade educativa. Ademais, o número de aulas de Educación Infantil aumenta este curso, o que fai aínda máis evidente a necesidade de contar con espazos suficientes e axeitados.


“Non podemos aceptar que cada ano se repita a mesma historia: chega o inverno, aparecen as humidades, as goteiras e os problemas derivados dun edificio que necesita unha actuación de fondo”, comenta o portavoz do BNG. Fiúza lembra que o pasado mes de marzo a Consellería de Educación anunciou que estudaría dúas alternativas: ampliar o edificio de Primaria ou acometer unha reforma integral do edificio de Infantil. Porén, meses despois, coa actividade lectiva xa iniciada, a comunidade educativa continúa sen coñecer unha solución definitiva nin un calendario concreto para executala.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O BNG considera especialmente preocupante afrontar agora a chegada do outono e da época de choivas sen ter resolto de maneira estrutural os problemas do edificio de Infantil. “As crianzas de Infantil non teñen por que pagar a falta de planificación da Consellería. Mentres os responsables da Xunta poden seguir traballando desde despachos perfectamente acondicionados, aquí estamos falando de nenos e nenas pequenos que merecen entrar nun colexio sen ter que convivir con goteiras, humidades ou instalacións deficientes. Os señoritos da Consellaría poden permitirse esperar; as familias das Cruces, non”, afirma Fiúza.


O portavoz do BNG tamén responsabiliza directamente o Goberno municipal de Vila de Cruces da situación, pola súa falta de capacidade e de presión política para conseguir unha solución definitiva. “O Concello non pode limitarse a acompañar as reclamacións das familias ou a emitir comunicados cando o problema se fai público. O Goberno municipal ten que plantarse diante da Xunta e esixir unha solución, poñer todos os medios municipais á disposición do centro e defender os intereses das familias de Vila de Cruces”, reclama.


Fiúza considera especialmente preocupante que, mentres a Xunta e o Concello intercambian responsabilidades, quen queda no medio son as familias e o alumnado. “Isto non pode ser a resposta dunha administración educativa nin dun Goberno municipal”, denuncia. O BNG lembra que leva anos reclamando unha reforma integral do CEIP Nosa Señora da Piedade, incluíndo a creación de novos espazos, a mellora das instalacións de Infantil, a adaptación ás necesidades de matrícula, a creación de zonas cubertas para o alumnado e unha solución eficiente e racional para as instalacións do centro.


“Non queremos máis anuncios, máis fotografías nin máis parches. Queremos un proxecto, un orzamento e un calendario de execución. E queremos que se diga ás familias de Cruces cando e como se vai solucionar definitivamente o problema do colexio”, reclama Álex Fiúza.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

O BNG esixe así á Xunta que concrete inmediatamente a alternativa escollida para o centro, reserve os recursos económicos necesarios e fixe un calendario de actuación, e ao Goberno municipal que exerza a súa responsabilidade e manteña unha presión política efectiva ata conseguir esa solución.


“As familias de Vila de Cruces non están pedindo ningún privilexio. Están pedindo algo tan

básico como que os seus fillos e fillas poidan estudar en condicións dignas, seguras e

adecuadas. Iso debería ser unha prioridade para a Xunta e tamén para o Concello”, conclúe o portavoz municipal do BNG.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page