O BNG esixe solucións urxentes "ás graves deficiencias" do colexio de Agolada tras a reforma
- ecosdacomarca

- 6 may
- 2 Min. de lectura
O Bloque lembra que no pasado ano, a Xunta anunciaba un investimento de 631.919 euros, con cargo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, destinado á rehabilitación do centro educativo
Ecos da Comarca/Agolada
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar iniciativas no Parlamento de Galicia para esixir explicacións e actuacións inmediatas da Xunta "ante as graves eivas detectadas no CEIP Plurilingüe de Agolada, apenas meses despois da finalización dunha intervención financiada con fondos europeos".

Lembra que no pasado ano 2025, a Xunta anunciaba un investimento de 631.919 euros, con cargo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, destinado á rehabilitación do centro educativo. Entre as actuacións previstas incluíanse melloras no illamento térmico da
fachada e cuberta, así como a substitución de ventás e portas para incrementar a eficiencia enerxética do edificio. "Porén, lonxe de resolver os problemas estruturais, a realidade actual evidencia unha situación preocupante. Na última semana, coincidindo con episodios de choiva, producíronse filtracións graves que provocaron inundacións no
interior do centro, con auga caendo sobre instalacións eléctricas e zonas de tránsito,
poñendo en risco a seguridade de alumnado e profesorado", sinala o Bloque.
PUBLICIDADE
"Estas incidencias, confirmadas por membros da comunidade educativa, cuestionan
seriamente a calidade e eficacia das obras executadas, así como o control e supervisión
por parte da Consellería de Educación", apunta o partido nacionalista. Ante esta situación, o BNG, a través da deputada Ariadna Fernández, rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que pregunta á Xunta se considera que o centro reúne as condicións adecuadas para impartir docencia tras a reforma, que medidas pensa adoptar para solucionar as deficiencias detectadas e en que prazos se van executar as actuacións necesarias para garantir a seguridade e o benestar da comunidade educativa.
Ademais, o grupo nacionalista presentou unha proposición non de lei para instar ao Goberno galego a actuar de inmediato, acometendo as reformas necesarias que eviten novos episodios de humidades e filtracións, e trasladando con transparencia o orzamento e os prazos previstos para a súa execución. “O que está a acontecer en Agolada é inadmisible. Non se pode investir unha importante cantidade de recursos públicos e que, ao pouco tempo, o centro siga presentando problemas desta magnitude”, sinala Susana Tato, voceira do BNG de Agolada.
PUBLICIDADE
A formación nacionalista reclama responsabilidades políticas e técnicas, ao tempo que reafirma o seu compromiso coa defensa dun ensino público de calidade, especialmente no rural, onde Fernández denuncia “unha falta de atención reiterada por parte da Xunta, clarificada non só nas múltiples eivas das instalacións dos centros de ensino, se non tamén na reducción do profesorado de apoio que se evidencia en toda a comarca e que deixa desatendido ao alumnado con necesidades educativas especiais”.








Comentarios