top of page

O BNG esixe explicacións á Xunta pola xestión dos casos de sarna norueguesa no SAF de Vila de Cruces

O Bloque reclama garantías para as traballadoras


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

Os nacionalistas rexistraron iniciativas parlamentarias para demandar explicacións á Xunta de Galiza sobre a actuación desenvolvida tras a aparición de varios casos de sarna norueguesa vinculados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Vila de Cruces, unha situación que xerou unha importante preocupación social e laboral.

A formación nacionalista lembra que o SAF constitúe un servizo esencial para a atención de persoas maiores, dependentes e vulnerables, desenvolvido ademais nun contexto de especial exposición a riscos biolóxicos e sanitarios para as traballadoras. Neste sentido, o BNG considera imprescindible que as administracións actúen con rapidez, coordinación e responsabilidade pública, garantindo tanto a protección da saúde das persoas usuarias como unhas condicións laborais seguras para o persoal. “As traballadoras do SAF non poden quedar desprotexidas ante situacións deste tipo nin asumir en solitario as consecuencias da falta de protocolos claros, medios suficientes ou coordinación institucional”, sinalan desde o BNG tras a suspensión do servizo por parte do Concello ou o sinalamento dos usuarios e as traballadoras como foco de contaxio.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A organización nacionalista cuestiona o apoio técnico, sanitario e económico prestado ao Concello de Vila de Cruces desde a detección dos casos e non considera axeitada a decisión do goberno local de suspender temporalmente o servizo. Así mesmo, demanda coñecer o número de persoas afectadas, o grao de afectación existente e a orixe do foco detectado. Do mesmo xeito, o Bloque pon en tela de xuízo se os concellos pequenos e medianos como o de Vila de Cruces, ou outros da comarca, contan realmente cos recursos suficientes para afrontar incidencias sanitarias deste tipo, especialmente nun contexto de crecente externalización e precarización dos servizos públicos de coidados.


“O modelo actual do SAF evidencia importantes carencias en materia de prevención de riscos, coordinación administrativa e protección laboral. A Xunta non pode mirar para

outro lado nin descargar toda a responsabilidade nos concellos ou nas empresas concesionarias”, advirte a deputada Ariadna Fernández.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A través destas iniciativas, o BNG reclama coñecer tamén que mecanismos de coordinación existen entre a Xunta, os Concellos e as empresas adxudicatarias do SAF para garantir respostas rápidas ante riscos sanitarios, así como os sistemas de supervisión empregados pola administración autonómica para asegurar o cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais e protección da saúde das traballadoras. “É importante ter información sobre a activación de protocolos específicos por parte da Consellería de Sanidade e das autoridades sanitarias competentes, así como sobre as actuacións desenvolvidas para conter os contaxios e evitar novos casos” incide o portavoz municipal Álex Fiúza. Neste contexto, a formación nacionalista considera necesario revisar e reforzar os protocolos de prevención e actuación ante riscos biolóxicos nos servizos de atención domiciliaria.


Finalmente ámbolos dous fan un chamamento á responsabilidade institucional e social para evitar calquera tipo de estigmatización das profesionais do SAF ou das persoas afectadas, insistindo en que a prioridade debe ser garantir unha resposta sanitaria eficaz, transparente e respectuosa cos dereitos laborais e coa dignidade das persoas usuarias.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page