O BNG esíxelle á Xunta o cumprimento coa parcelaria de Rodeiro
- ecosdacomarca

- hace 4 días
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Rodeiro
O Consello da Xunta avanzaba a principio de ano que os traballos sobre os camiños principais e secundarios da parcelaria Val de Camba comezarían no primeiro trimestre, "compromiso que quedou sobre o papel", tal e como lamenta o BNG, que esíxelle á Xunta o cumprimento con esta parcelaria.

Lembra que o pasado mes de xaneiro, no Consello da Xunta, anunciouse un investimento de 1,7 millóns de euros destinado á mellora dos camiños principais da parcelaria do Val de
Camba, así como á execución dos secundarios. Máis de 100 propietarios e propietarias tiñan presentado con anterioridade solicitudes para mellorar os accesos ás súas parcelas,
unha demanda fundamental para garantir a funcionalidade e rendibilidade das
explotacións que aínda resisten neste territorio.
O Bloque Nacionalista Galego reclámalle agora á Xunta de Galicia seriedade cos compromisos adquiridos en relación coa parcelaria do Val de Camba, nun concello de
forte actividade agrogandeira que leva anos agardando pola finalización dunha ferramenta
clave para a ordenación e mellora do territorio. "Tanto o goberno da Xunta como o Partido
Popular de Rodeiro aseguraron que os traballos comezarían no primeiro trimestre de
2026, un prazo que xa foi incumprido sen que, a día de hoxe, exista unha explicación
clara nin un novo calendario de actuacións", apunta o Bloque.
PUBLICIDADE

A deputada Ariadna Fernández lamenta "o desleixo que a Xunta amosa cos concellos máis rurais do país e co seu sector primario no momento en que presentamos as iniciativas parlamentares ao respecto dos atrasos destas obras o goberno apurouse a
saír ao paso no Consello da Xunta con orzamentos e prazos. En Rodeiro, os populares
anunciaron en prensa unha pronta actuación sobre os camiños da parcelaria, pero a
realidade é que non lles durou moito a présa e xa se esqueceron uns e outros do que
prometeran para este primeiro trimestre”.
Desde o BNG denuncian que esta situación evidencia un novo agravio co rural e co sector agrogandeiro, ao tempo que supón seguir dilatando a finalización dun proceso de concentración parcelaria que se iniciou no ano 2008 e que, malia ter sido aprobado hai xa
18 anos, continúa sen completarse. “Son escasamente 25 quilómetros que levan décadas
agardando pola actuación dun goberno que non inviste no rural e logo se queixa do seu devalo, sabendo que fixar poboación depende das condicións de vida e de traballo que
esta teña no seu entorno” aclara Fernández, que insiste en que “o papel aguanta todo o
que lle poñan, pero os feitos son outros, ou non son ningúns, coma ocorre neste caso”.
Publicidade
“O rural de Rodeiro non pode seguir agardando indefinidamente por unhas actuacións que son esenciais para mellorar a produtividade e as condicións de traballo das explotacións, precisa seriedade e non promesas baleiras que rematan en esperas eternas que lle afectan día a día aos gandeiros”, sinala Fernández, que insta á Xunta a dar explicacións inmediatas e a fixar un calendario realista e vinculante para a execución das obras pendentes.
Os nacionalistas comprométense a continuar defendendo os intereses dos veciños e veciñas de Rodeiro e a esixir que se dean pasos firmes para rematar, "dunha vez por todas, unha parcelaria imprescindible para o futuro do sector nun concello onde a crise demográfica, ao igual que no resto da comarca deixa un rural despoboado, en parte por
falla de iniciativas realistas e que se leven a cabo nun tempo aceptable e non se dilaten
décadas”.







Comentarios